O Pontevedra Club de Fútbol respira aliviado tras coñecer o primeiro diagnóstico da lesión que sufriu Rufo nos minutos finais do encontro contra a Gimnástica Segoviana.
O dianteiro retirouse lesionado despois de que un rival caese sobre o seu nocello esquerdo, que estaba apoiado, nun xesto preocupante sobre todo polos signos de dor mostrados polo madrileño.
Tras pasar revisión este luns, o club granate confirmou que Rufo sofre "unha escordadura externa de nocello grao II".
Segundo explica o parte médico "en raios X convencionais non se aprecia lesión ósea", o que tranquiliza o Pontevedra aínda que a súa presenza para o próximo partido de liga contra o Coruxo antóllase canto menos dubidosa.
O futbolista "presenta mínima dor, leve impotencia funcional e deambulación normal", explica o club de Pasarón, polo que está previsto que se incorpore ao traballo nun "adestramento progresivo", aínda que para descartar males maiores someterase ao longo do martes a unha resonancia magnética para "valorar o tratamento definitivo e para establecer prazos futuros de evolución".