Non se dá por vencida Saleta Castro no seu obxectivo de clasificarse para o Campionato do Mundo de distancia Ironman en Kona, Hawaii. Despois de que problemas físicos lle obrigaran a retirarse nas súas dúas últimas carreiras, especialmente en Lanzarote, a triatleta pontevedresa recobra moral e confianza cun sobresaliente sexto posto en Frankfurt.
Na cita alemá, que ademais estaba considerada como Campionato de Europa, Saleta sobrepúxose ás adversidades e terminou mellor que nunca, co seu mellor parcial no maratón para remontar ata o seu sexto posto final.
A baixa temperatura da auga fixo especialmente duro o sector de natación, no que a pontevedresa completaba os 3,8 quilómetros na quinta praza a case 6 minutos da cabeza.
Nos 180 quilómetros de ciclismo o seu rendemento fíxolle baixar ata a novena posición provisional, pero tras a última transición demostrou que chegaba á cita ben de forzas e realizou o terceiro mellor parcial de todas as participantes no maratón (3:04:54).
Saleta Castro entrou finalmente na liña de meta de Frankfrut tras 9 horas, 22 minutos e 41 segundos de esforzo. A gañadora foi a australiana Melissa Hauschildt (9:01:17), coas alemás Katja Konschak (9:09:58) e Daniela Saemmler (9:13:23) na segunda e terceira posición.
Con este resultado Saleta recupera impulso no ránking de clasificación para Hawaii, aínda que necesitará correr outra proba Ironman para lograr os puntos necesarios.