Segundo partido tras o parón do Cisne recibindo o Granollers

Pontevedra
05 de febreiro 2021

Despois do parón, o Dicsa Modular Cisne xogará o seu segundo partido este sábado 6 de febreiro contra o Granollers no Pavillón Municipal dos Deportes. Poderá verse a través da TVG e LaLigaSportsTV

Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes Mónica Patxot

O Dicsa Modular Cisne xogará o sábado 6 de febreiro (ás 17:00 horas) contra o Granollers no Pavillón Municipal dos Deportes. O partido será transmitido a través da TVG e LaLigaSportsTV. Tras o parón, o equipo pontevedrés estreouse nesta primeira semana de febreiro con dous partidos. O primeiro deles foi o pasado martes 2, contra o Incarlopsa Cuenca, no que notaron esa falta de ritmo e os resultados non saíron coma esperaban. Os xogadores non se atoparon cómodos á hora de competir, e agora tentarán mellorar no seguinte partido para recuperar o seu ritmo habitual.

Recuperados efectivos e sen baixas nos pontevedreses, o Granollers si contará cunha ausencia, a de Pol Sastre, que non xogará por motivos persoais. 

Segundo define Marcos Otero 'Quiños', o segundo adestrador do Cisne, "o Granollers é un equipo que leva na división de honra desde a creación da Asobal, e unha das mellores canteiras de España", ademais engade que "está a facer unha boa campaña. Ten unha boa defensa, con xogadores como Marc García e Oriol Rey no centro da mesma, e é un equipo que en ataque xoga a un ritmo moi alto".

O equipo catalán destaca, según Quiños, por ter xogadores moi diferentes: "ten unha primeira liña moi compensada, con tres xogadores dun perfil máis de lanzamento, aínda que tamén cambian con xogadores moito máis rápidos e de xogo moi creativo". Isto engade certa dificultade, xa que "permítelles variar en función do que lle propoña o rival". Ademais, engade que han de "estar ao 100% e non cometer os erros do outro día de falta de intensidade, e sobre todo tratar de acabar os ataques".