Non puido render ao cen por cen por culpa da lesión no glúteo que arrastraba dende hai unha semana, pero aínda así Javi Gómez Noya comezou bastante ben a súa defensa do título nas Series Mundiais de tríatlon. Rematou sexto na primeira carreira do ano, disputada este sábado en Abu Dhabi. Foi unha proba con dominio español. Mario Mola levouse o triunfo e outros dous hispanos máis remataron entre os dez primeiros.
Por primeira vez na súa historia, as Series Mundiais aterraban en Oriente Medio. A tempada comezaba en capital do Emiratos Árabes Unidos, escenario dunha vibrante competición na que todo se decidiu nos últimos quilómetros de carreira a pé, cun espectacular Mario Mola alzándose co triunfo tras unha intensa disputa co sudafricano Richard Murray e o francés Vincent Luis.
Dende o primeiro momento os españois situáronse nos postos de cabeza. Tras os 750 metros de natación e as catro primeiras voltas sobre a bicicleta, un pelotón de 30 triatletas con Javier Gómez Noya, Mario Mola, Vicente Hernández, Fernando Alarza e Cesc Godoy circulaba na cabeza. Os 20 quilómetros de ciclismo discorreron por un circuíto eminentemente chairo, pero cuns xiros moi pechados que elevaban a súa dificultade técnica.
Esta situación de igualdade continuaría ata a segunda transición e os cinco quilómetros de carreira a pé. O trio de deportistas que finalmente coparon o podio púxose por diante, mentres que Gómez Noya, Jonathan Brownlee e o portugués Joao Silva trataban sen éxito engancharse á disputa pola vitoria. Foi a falta do último quilómetro cando Mario Mola logrou librarse dos seus rivais e, tras un ataque final, chegar en solitario á liña de meta.
A pesar da súa lesión Gómez Noya completaba unha brillante carreira conseguindo a sexta praza cun tempo de 53:12, corenta segundos por detrás do mallorquino. Pola súa banda, Fernando Alarza.-triatleta que tamén está afincado en Pontevedra- e Vicente Hernández obtiñan excelentes resultados nunha fabulosa remontada accedendo á sétima e novena praza da clasificación final.
A seguinte proba das Series Mundiais de tríatlon disputarase na cidade australiana de Auckland o próximo 29 de marzo.