A Selección Española de Fútbol sala fixo historia esta fin de semana ao proclamarse campioa da primeira Eurocopa de categoría feminina organizada de maneira oficial pola UEFA, e fíxoo con protagonismo propio e merecido dunha xogadora pontevedresa, Silvia Aguete.
A gardameta do Poio Pescamar foi clave no rendemento do combinado nacional, sendo titular tanto nas semifinais contra Rusia, nas que venceron por 5-0, como na final ante a anfitrioa do torneo, Portugal, cun resultado de 4-0 no que tivo un papel destacado.
Silvia realizou un torneo sobresaliente, e nos minutos máis importantes do partido polo título foi un auténtico muro para o equipo portugués, que nin con xogo de cinco conseguiu batela e sufriu paradas de todos os estilos.
"Lo he disfrutado un montón, yo creo que era el día para que las cosas salieran bien y en ese sentido estoy muy satisfecha del trabajo que he hecho personalmente y sobre todo del equipo", sinalou a pontevedresa tras a final, xa coa medalla de ouro no peto, en declaracións á Real Federación Española de Fútbol.
"Ahora mismo no soy consciente de casi nada. Estaba deseando que acabara el partido, que Anita levantara la copa por fin y supongo que con el paso de las horas seré más consciente de lo que hemos hecho", concluíu sobre un campionato que significa moito para o fútbol sala feminino nacional e que augura un futuro aínda máis brillante.
No triunfo español tivo tamén a súa cota de responsabilidade outro pontevedrés, Adrián Paz, como membro do corpo técnico de España durante a fase final disputade na localidade lusa de Gondomar.