Sorteados os grupos da Europe Cup, na que participará por segundo ano o TM Monte Porreiro

Pontevedra
25 de xullo 2023

O club pontevedrés, que busca recursos para poder competir por segunda vez na súa historia en competición continental, quedou encadrado no Grupo A da Europe Cup, que se disputará nos Países Baixos

Equipo do Monte Porreiro no seu debut na ETTU Cup na República Checa Tenis de Mesa Monte Porreiro

O Tenis de Mesa Monte Porreiro xa coñece o camiño que lle espera na que será a segunda participación europea da súa historia.

Por segundo ano consecutivo a entidade pontevedresa clasificouse para a ETTU Europe Cup, segunda competición continental por equipos en importancia só detrás da Champions League.

Tras o sorteo de competición levado a cabo na localidade polaca de Gliwice aproveitando a celebración do Campionato de Europa para Xóvenes, o Monte Porreiro quedou encadrado no Grupo A da Europe Cup que terá como sede os Países Baixos.

Alí os pupilos de Nando Álvarez terán como rivais ao equipo anfitrión, o De Boer Taverzo, e ao MITTC de Malta.

Desvelada a folla de ruta do torneo, agora comeza unha carreira aínda máis dura para os pontevedreses, a de asegurarse os apoios económicos necesarios para saír a competir a nivel internacional. Neste sentido cabe lembrar que tras o seu debut continental a pasada tempada na República Checa, o Monte Porreiro terminou renunciando a seguir adiante na Trophy Cup, terceira competición continental e á que se clasificou tras participar na fase de grupos da Europe Cup.