Son días e semanas felices para o Stellae Leis Pontevedra.
Tras a súa recente presenza, tres décadas despois, na final da Copa Galicia Masculina, agora o equipo adestrado por Santi Valladares asegurou, a unha xornada para o final da liga regular, un posto no play-off de acenso a Segunda División.
"Estamos moi felices por ternos clasificado para o play-off, cumprimos o primeiro obxectivo da tempada", asegurou o preparador tras o triunfo do seu equipo fronte ao Atlético Benavante.
E é que os pontevedreses lograron o seu billete para a fase de ascenso da mellor maneira posible, vencendo nun Pavillón Municipal dos Deportes que presentou unha gran entrada o equipo que chegaba como líder do campionato e ao que arrebatou o primeiro posto.
Foi ademais cunha goleada (7-1) que non deu opción de réplica ao seu rival, superado na pista tras un arreón inicial que supuxo un 2-0 cando apenas se disputaron dous minutos de xogo, con goles de Arturo e Alan.
Con vantaxe no marcador as forzas igualáronse sen máis movementos até o descanso, pero no segundo tempo o Leis golpeou de novo con dous tantos máis para deixar na lona o Benavante.
"Agora tomamos tres días de descanso e xa a pensar no partido de Segovia porque sabemos que isto non acabou", avanza Santi Valladares.
Porque o Stellae Leis quere máis e "imos tentar, por que non, gañar a liga, ser primeiros de grupo".
Para iso deberán superar na última xornada da liga regular, a domicilio, o CD San Cristóbal (sábado 3 de maio, 18.00 horas), o actual noveno clasificado.
A falta dese encontro o Leis colocouse líder con 65 puntos, os mesmos que o Atlético Benavente e cun de vantaxe sobre o terceiro clasificado, o Vilalba FS.