A fortuna non parace acompañar ao Rías Baixas Surf Pro, que tivo que suspender a primeira xornada de competición prevista para este xoves 10 de abril pola escasa ondada coa que amenceu a praia da Lanzada.
Os surfistas foron citados de novo no areal ás 9:00 horas do venres para retomar o campionato, pero as previsións meteorolóxicas non son demasiado halagüeñas.
Os portais de previsión do tempo falan de bo clima para os próximos días pero no mar as ondas poderían non pasar dun metro de altura, o que complicaría a realización do evento deixando á Lanzada por segunda vez sen un campionato no que se depositaron grandes esperanzas, especialmente a Deputación de Pontevedra como principal patrocinador que pretende apostar polo surf como potencial turístico da provincia.
En todo caso dende a organización aseguraron a PontevedraViva que non barallan ningunha situación alternativa e que o torneo se celebrará con total seguridade na Lanzada o día, dos catro previstos ata o domingo, que presente as mellores condicións.
Xa en 2013, na súa primeira edición, a falta de ondas obrigou a trasladar a competición a Oia. Entón a categoría do evento era menor, para surfistas en idade júnior, pero nesta ocasión os que esperan poder lanzarse á auga son algúns dos mellores especialistas deste deporte a nivel mundial.
Non en van o Rías Baixas Surf Pro é unha das dúas únicas probas do campionato mundial da ASP que se celebra en España, xunto ao Pantín Classic.