Támara Echegoyen e Fernando Echávarri, na pelexa polo Top-10 do Trofeo Princesa Sofía

Pontevedra
29 de marzo 2016

Fernando Echávarri, que forma parella en Nacra 17 coa canaria Tara Pacheco, está a un paso de certificar a súa clasificación olímpica para Río 2016 pola ausencia de Iker Martínez e Julia Rita. Tras dúas xornadas de competición marchan na duodécima  praza, mentres Echegoyen e Berta Betanzos son décimo cuartas no 49er FX

Fernando Echávarri e Tara Pacheco no Trofeo Princesa Sofía Pedro Martinez/Sailing Energy/Trofeo Sofia

Ao alcance da man ten Fernando Echávarri a clasificación olímpica para Río 2016. O regatista pontevedrés pelexa coa súa compañeira no Nacra 17 Tara Pacheco, polo Top-10 enel Trofeo Princesa Sofía, segunda das probas clasificatorias establecidas pola Federación Española.

A renuncia a última hora por lesión da tripulación que rivalizaba con eles por estar nos Xogos, a de Iker Martínez e Julia Rita, unido ao seu abandono no Mundial de Florida fan que se Echávarri e Pacheco acaban nunha boa posición teñan practicamente asegurada a clasificación olímpica.

Polo momento, despois de dúas xornadas e seis mangas de competición en augas de Palma de Mallorza, o dúo galego-canario conseguiu un podio parcial e marcha na duodécima praza da súa categoría con 48 puntos, a só tres da décima posición. Os líderes son os franceses Billy Besson e Marie Riou.

Un pouco peor lle van as cousas ás flamantes campioas do Mundo de 49er FX, Támara Echegoyen e Berta Betanzos, que son decimo sétimas nunha competición na que loitan por recuperar o ritmo competitivo tras varias semanas con problemas físicos de ambas as regatistas.

Despois de cinco mangas de competición, Echegoyen e Betanzos suman 57 puntos, a 12 da décima posición.