A presenza de Teresa Abelleira nunha convocatoria da Selección Española de Fútbol deixou de ser unha sorpresa, e é que a pontevedresa está plenamente consolidada no equipo nacional tras o seu espectacular rendemento no Mundial que concluíu con vitoria española.
Máis aló da polémica última citación, na segunda lista da nova seleccionadora Montse Tomé mantense a centrocampista do Real Madrid.
Abelleira foi convocada para o dobre compromiso que España afrontará na Nations League, visitando a Italia e Suíza respectivamente os próximos 27 e 31 de outubro nas localidades de Salerno e Zúric, onde as campioas do mundo tentarán dar continuidade aos triunfos nas dúas primeiras xornadas da competición de nacións.
Trátase ademais da última lista oficial antes da que ofrecerá a Selección Española para o partido xa confirmado do próximo 1 de decembro no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra fronte a Italia.
Entre as novidades nesta ocasión atópase o regreso ao combinado nacional de Jenni Hermoso, Ivana Andrés, Salma Paralluelo e Esther González, todas elas campioas do mundo o pasado mes de agosto e que non foran chamadas na anterior xanela internacional.