O Teucro reforza as súas filas coa fichaxe de Álvaro García

Pontevedra
30 de maio 2026

O pivote de 21 anos chega procedente dos Agustinos Alicante para achegar xuventude e alternativas ao equipo teucrista

Álvaro García, novo xogador da SD Teucro SD Teucro

Novos movementos na confección do plantel  da Sociedad Deportiva Teucro, que anunciou unha nova fichaxe para a próxima tempada.

Trátase de Álvaro García León, pivote de 21 anos con experiencia en Liga Asobal que chega procedente do CD Agustinos Alicante.

O guadalaxareño formouse no Balonmano Guadalajara, equipo co que debutou na máxima categoría do balonmán español na tempada 22/23.

Cambiou de aires ao finalizar a 24/25 e puxo rumbo a Alicante para formar parte das filas do Agustinos, equipo que finalizou en cuarta posición a presente campaña en División de Honra Prata.

A pesar da súa xuventude, Álvaro García únese ao proxecto teucrista para achegar toda a experiencia que gañou competindo en categorías superiores.

Ademais ofrecerá ao equipo de Sergio Carballeira alternativas tanto en defensa como en ataque, así como moita presenza nos seis metros.

O alcarreño convértese así na sexta incorporación do ilusionante proxecto do club pontevedrés apenas tres días despois de que se anunciase a fichaxe de extremo dereito Dani López.

Nos últimos días tamén se fixo oficial a renovación de Iago Rivas así como as baixas de Rikki González e Sergio Blond.