Terceiro día de competición no Campionato de Europa Junior de natación que se está celebrando en Netanya, Israel, e terceiro metal para Águeda Cons.
Acábanse os cualificativos para a nadadora pontevedresa, que parece non ter teito e este venres rebaixou en 13 segundos! a súa mellor marca persoal no 1.500 libre para colgarse a súa terceira medalla de prata no campionato, tras as do 800 e o 400 libre.
Águeda rebaixou en 13 segundos! a súa mellor marca persoal no 1.500 libre
Águeda detivo o cronómetro nun tempo de 16:29.21, segunda con máis de tres segundos de marxe sobre a terceira clasificada, a italiana Giulia Salin (16:32.65). Noutra liga estaba a húngara Ajna Kesely (16:11.25), medalla de ouro nas mesmas probas nas que participou a deportista do Galaico.
Está a ser un Europeo soñado para a pontevedresa, que en cada unha das tres probas que nadou subiu ao podio, rebaixando en todas elas considerablemente a súa mellor marca persoal e logrando incluso un record galego absoluto, no 400 libre.
Aínda que xa non tomará parte en ningunha proba individual máis, Águeda Cons aínda debe afrontar a remuda 4x200 libre antes de despedirse do Campionato de Europa Junior e empezar a pensar no Mundial da categoría que se celebrará en agosto en Indianápolis (EEUU) onde, quen sabe, pode seguir crecendo para confirmarse nunha das grandes promesas da natación nacional.