O Arxil, tras a derrota ante o Aros de León da pasada xornada, viaxou esta fin de semana a Cataluña para enfrontarse a un dos pesos pesados da categoría: o Barça CBS. Con todo, aínda que a priori pintaba bastante complicado para as pontevedresas, estas recompuxéronse do golpe e superaron ás ‘blaugranas’ no Juan Carlos Navarro. Ademais, co triunfo, as de Méndez lograron o desquite do choque da primeira volta, no que perderon cunha desvantaxe de dez puntos, esta vez, case coa mesma renda a favor.
Durante a primeira parte, as locais foron claramente superiores, o que supuxo que gañasen ambos os cuartos. Diversos erros das arxilistas, tanto no plano defensivo, como en ataque, que aproveitaron as catalás fixeron que as galegas se fosen ao descanso cunha desvantaxe de 9 puntos (38-29). Pero non minguaron as esperanzas, xa que, de primeiras non supoñía unha diferenza difícil de remontar.
A segun metade foi moi distinta. Un terceiro período fantástico das de Mayte Méndez de 8-24 sentenciou ás barcelonesas, que, pola súa banda, regalaron o partido coa súa caída en intensidade e efectividade durante o mesmo. Un último parcial bastante máis equilibrado supuxo o triunfo das do Arxil, que, finalmente gañaron cunha renda de 9 puntos (69-78).
Merece unha mención especial a xogadora local Cassie Oursler, que anotou 26 dos puntos visitantes.
Agora é momento de preparar o próximo reto. O Arxil recibirá a próxima fin de semana no CGTD ao Lima-Horta Barcelona (sétimo clasificado), equipo que gañou con total comodidade ás de casa o pasado mes de novembro no Pavillón Portell.