Un gromo de Covid no Guijuelo mantén no aire a data do partido aprazado fronte ao Pontevedra

Pontevedra
14 de xaneiro 2021

O club salmantino confirmou o positivo dun dos integrantes do seu plantel, mentres que "outros membros do primeiro equipo presentan síntomas". Esta situación podería atrasar aínda máis a súa visita a Pasarón, cando tomaba forma a posibilidade de xogalo o vindeiro mércores 20

Adestramento do Guijuelo
Adestramento do Guijuelo / CD Guijuelo

O culebrón non fixo máis que empezar. Cando cada vez parecía gañar máis enteiros a posibilidade de recuperar o vindeiro mércores 20 de xaneiro o Pontevedra-Guijuelo aprazado polo temporal de neve na península, a Covid meteuse polo medio.

O Guijuelo confirmou este xoves "a existencia dun novo caso positivo por Covid-19 e doutros membros do primeiro equipo que presentan síntomas", segundo sinala nun comunicado, unha situación que se sumaría a outros membros do club contaxiados con anterioridade.

Os positivos foron detectados na rolda de test oficiais realizada aos futbolistas e corpo técnico antes da xornada de liga que debían disputar esta fin de semana no municipal vigués de Barreiro, fronte ao Celta B.

A falta de coñecer con exactitude a magnitude do posible gromo de coronavirus no cadro salmantino, o certo é que esta situación pon de novo en dúbida a data final da súa visita a Pasarón, para a que se esperaba nas próximas horas unha resolución do Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol.

Tanto o futbolista afectado como os compañeiros que presentan síntomas "permanecen illado actualmente nos seus domicilios", confirma o Guijuelo á espera de realizar novos test nos próximos días.