Un mes de competición decisivo, sen saír de Galicia

Pontevedra
20 de marzo 2019

O Pontevedra négase a arroxar a toalla e ve no próximo mes unha boa oportunidade para reengancharse á pelexa polos catro primeiros postos, agora a 6 puntos de distancia, xa que nas próximas 5 xornadas non terá que saír de Galicia con tres encontros na casa máis as visitas a Fabril e Coruxo

Partido entre Pontevedra e Burgos en Pasarón Diego Torrado

Esquecida a dura derrota en Salamanca, o Pontevedra regresou este mércores aos adestramentos tras unha xornada de descanso e fíxoo cun obxectivo claro, volver engancharse á pelexa polos catro primeiros postos, agora a 6 puntos de distancia.

Para iso aparece marcado en vermello o próximo mes de competición, con cinco xornadas nas que non sairá de Galicia. Primeiro recibirá o vindeiro domingo 24 de marzo ao  Guijuelo en Pasarón, para visitar acto seguido ao Fabril coruñés, xogar na casa ante o Sanse, fóra ante o Coruxo e por último enfrontarse ao Rápido de Bouzas na casa.

"Fuimos a Vigo y nos fue bien, esperemos que mantenernos por aquí nos sirva para sumar puntos", asegura Luismi.

Trátase quizais da última gran oportunidade, na que"podemos recuperar los tres puntos que perdimos en Salamanca y seguir metidos ahí porque hay enfrentamientos directos", defende o técnico ante unha xornada na que verán as caras por exemplo Castilla e Ponferradina por unha banda e Coruxo e Sanse por outro.

O preparador pontevedrés móstrase convencido de que "vamos a pelear hasta el final", e por iso pide á afección que se some e que "confíe en el equipo" porque "estamos en una situacion para soñar todos e ilusionarnos".

No plano deportivo, Luismi confía en recuperar aos tres xogadores 'tocados', como son Álvaro Bustos, Adrián León e Nacho López, o último tras sufrir un forte golpe no duelo ante o Salamanca.

PROMOCIÓN NAS ENTRADAS DOS TRES PRÓXIMOS PARTIDOS

Acompañando á declaración de intencións de corpo técnico e plantel e a súa petición de apoio por parte da bancada de Pasarón, o Pontevedra lanzou unha promoción para conseguir entradas a prezo reducido para os tres próximos partidos de liga na casa ante Guijuelo, San Sebastián de los Reyes e Rápido de Bouzas.

Os seguidores granates poderán retirar un pack con entradas para os encontros a un prezo total de 45 euros na bancada de Tribuna, 35 euros na de Preferencia e 20 euros nos fondos.

A promoción é válida os días 21 e 22 de marzo nas oficinas do club (9:00 a 11:00 e de 16:00 a 19:00 horas) e o domingo 24, data do choque ante o Guijuelo na tenda oficial situada nos baixos de Pasarón (de 11:00 a 14:30 horas).