Unha década despois, Lara Balseiro volve ao Poio Pescamar

Pontevedra
04 de agosto 2023

A ala de 30 anos é a terceira fichaxe das da Seca neste verán, procede do Marín Futsal e en tempadas anteriores defendeu as cores do Burela

Lara Balseiro, no partido entre Marín Futsal e Rayo Majadahonda na Raña

O Poio Pescamar segue confeccionando o seu persoal para a próxima tempada. A última hora deste xoves anunciaron a terceira incorporación deste verán. Unha cara coñecida, Lara Balseiro.

A ala de 30 anos procede do Marín Futsal pero xa sabe o que é vestir a camiseta vermella. Fíxoo na tempada 2011/2012, co cadro conserveiro aínda en Segunda División. Máis dunha década despois regresa á Seca cun obxectivo ben distinto, pelexar polo título de liga de Primeira División.

Ao longo da súa carreira, Balseiro defendeu durante varias tempadas as cores do Burela e o último ano contribuíu co Marín Futsal a lograr a permanencia na elite das morracenses.

Lara Balseiro é a terceira fichaxe do Poio Pescamar no presente mercado estival despois da tamén exvermella Ale de Paz e a pivote brasileira Karina Pelei.