Unha dura caída manda a dous corredores do Froiz ao hospital en Toledo

Pontevedra
06 de agosto 2016

Pedro Merino e David González caeron ao non poder esquivar a outro corredor cando o equipo pontevedrés tiraba na cabeza de pelotón colaborado con outros equipos. Tiveron que retirarse aínda que as súas lesións, finalmente, non revisten excesiva gravidade

Pedro Merino e David González tras sair do hospital de Toledo Grupo Deportivos Supermercados Fróiz

A mala fortuna volveu a cebarse co Grupo Deportivo Supermercados Froiz na primeira etapa de 50 Trofeo Bahamontes, en Ocaña (Toledo).

Dous dos seus corredores, Pedro Merino e David González, tiveron que abandonar e ser levados a un hospital tras sufrir unha dura caída no quilómetro 75 da etapa.

Especialmente doloroso é o caso de Merino, que reaparecía recuperado da súa caída en Zamora. Ambos se foron ao chan nun paso estreito cando non puideron esquivar a outro ciclista, no momento no que o Froiz tiraba na cabeza de pelotón en colaboración doutros equipos.

Por fortuna ningún dos dous sofre lesións de gran gravidade. O diagnóstico para Merino é dunha escordadura de xeonllo, polo que estará preto de tres semanas de baixa e que pon en perigo a súa participación na Volta a Galicia. Pola súa banda David González padece unha rotura de fibras no sóleo e unha fisura no cóbado, polo que estará uns 10 días de baixa, segundo confirmou o Froiz.

A primeira etapa da Volta a Toledo Trofeo Bahamontes decidiuse ao sprint con triunfo para o bielorruso Dzmitry Zhyhunoli, do Lizarte.