Unha polémica arbitraxe condena o Cisne fronte a BM Nava (24-25)

Pontevedra
12 de maio 2018

Aínda que só unha carambola estraña e complicada podía facer que o Cisne tivese problemas para certificar a permanencia matemática, o certo é que o equipo pontevedrés tivo na súa man (e mereceu) obter o punto que necesitaba fronte a un BM Nava que loita polo ascenso. Só un polémico, por non dicir, moi mal arbitraxe, priváronlle polo menos de conseguir o empate ou un triunfo que mereceron e acariñaron durante todo o partido

Partido entre Cisne e BM Nava no CGTD Diego Torrado

Aínda que só unha carambola estraña e complicada podía facer que o Cisne tivese problemas para certificar a permanencia matemática, o certo é que o equipo pontevedrés tivo na súa man (e mereceu) obter o punto que necesitaba fronte a un BM Nava que loita polo ascenso. Só un polémico, por non dicir, moi mal arbitraxe, priváronlle polo menos de conseguir o empate ou un triunfo que mereceron e acariñaron durante todo o partido.

Pero a falta de que ese punto chegase de forma directa, fíxoo indirectamente coa vitoria do Barcelona B sobre Villa de Aranda, co que os de Jabato poderán vivir unha xornada final de mero trámite.

Os segovianos chegaban ao CGTD sabendo que necesitaban gañar. Xogaron un partido serio, amparados na solvencia atacante do seu mellor home, Agustín Marcelo, pero atopáronse a un Cisne que non volvía a cara e que de feito levou a iniciativa no marcador durante boa parte dos 60 minutos. Os visitantes, axudados pola permisividade arbitral, que non castigou como debía a súa dureza defensiva, aproveitaron tres fallos inocentes dos brancos a falta de dez minutos, para escaparse, aínda que a punto estivo o Cisne de conseguir o empate na última xogada, tras unha decisión polémica da mesa e parella arbitral, que deu balón aos visitantes, cando cometeran falta en ataque, que lle debía deixar ao Cisne 20 segundos para unha última acción ofensiva.

Sen que ningún equipo lograse distanciarse, o Cisne dominou sempre pola mínima a primeira metade, aínda que ao descanso o marcador reflectía un empate que non facía xustiza ao mellor xogo local sobre a pista (11-11).

Na segunda parte o Cisne mantivo o tipo, e logrou escaparse de tres (17-14), cun Javí Vázquez inspirado (minuto 38). Os visitantes respondían tras un tempo morto, con tres goles consecutivos de Agustín Marcelo, para empatar primeiro e poñerse logo por diante.

Pasado o minuto 50 o Cisne empezou a ter problemas para atopar posicións de lanzamento, e a parella arbitral a adoptar decisións claramente erróneas, que aproveitou  BM Nava para escaparse (21-24). Quedaban cinco minutos e o partido parecía sentenciado, pero o Cisne non se rendeu e Dani Tolmos poñía o 23-24. Quedaban 30 segundos. Os visitantes perden o balón, cometendo pasos, pero a mesa fixo soar a bucina indicando que pediran tempo morto antes desa acción, o que lles permitía manter a posesión.

Un último lanzamento detido por Juanjo Novas deixou sete segundos ao Cisne para tentar empatar á desesperada, pero as présas fixeron que Alberto Casares perdese o balón sen conseguir lanzar a portería, pechando un resultado que non fai xustiza aos méritos contraídos.

BM CISNE (24): Juanjo Novás; Ígor Tenorio (1), Andrés Sánchez (5), Javi Vázquez (5, 1 de penalti), Dani Tolmos (4), Alejandro Conde, Bruno Vázquez (2) -sete inicial-, Pablo Galán (p.s.); Linhares, Alberto Casares (2, de penalti), Pablo Picallo, Miguel Simón, Carlos Pombo (2), Pablo Gayoso, Dani Ramos (2) e Álvaro Preciado (1).

BM NAVA (25): Yerai Lamariano; Virseda (3), Villagrán, Andrés Alonso (1), Tello (1), Moreno (1), Pablo Rodríguez (1) -sete inicial-, Ernesto Sánchez (p.s.); Juárez (3, 1 de penalti), Rodrigues (1), Agustín Marcelo (10), Ajo Martín (3), Alberto García,  Llopis, Bracocevic e  Filipe Martíns (1).

Árbitros: Alfredo Arcos Adeva e Óscar García Camino (Madrid). Excluíron dous minutos a Bruno Vázquez, no Cisne, e a Rodrigues (2), Tello e Moreno, no Nava.

Marcador (cada cinco minutos): 1-1, 4-3, 5-4, 8-7, 10-10, 11-11 (descanso), 13-13, 17-15, 20-20, 21-22, 21-24 e 24-25 (final).

Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 250 espectadores. No descanso do partido rendeuse homenaxe aos equipos da canteira do Cisne que tan brillante papel realizaron nos campionatos de España das diferentes categorías.