Unha semana de ouro para Lúa Piñeiro

Umia
09 de setembro 2015

A deportista caldense dá un importante paso na súa carreira olímpica ao impoñerse, en só unha semana, en dous open de taekwondo de categoría G-1, en Polonia e Israel

Lúa Piñeiro (dereita) coa medalla de ouro lograda no Open de Polonia Federación Española de Taekwondo

Importante paso para Lúa Piñeiro na súa carreira cara aos Xogos Olímpicos de 2016 despois dos seus inmellorables resultados nas últimas compeiticiones internacionais.

A deportista caldense sumou, en só unha semana, dúas medallas de ouro en senllos open de taekwondo de categoría G-1, o que lle supoñerá un empuxón no ranking olímpico.

Lúa venceu hai unha semana en Polonia tras superar a representante de Finlandia por 13 a 1 en primeira rolda e dúas representantes alemás en semifinais e final por 14 a 2 e 11 a 1 respectivamente.

Coa moral polo alto tras esta medalla, Lúa desprazouse a Israel, onde repetiu resultado ao gañar o seu primeiro combate contra a representante rusa (5-3), no segundo á alemá e medallista mundial Helena Fromm (8-1) e na final á deportista ucraína grazas ao punto de ouro.

En cada unha destas competicións Lúa Piñeiro sumou 10 puntos que lle achegan ao obxectivo de Río 2016.