Cuarta xornada consecutiva sen perder en liga dun Pontevedra Club de Fútbol que rozou cos dedos o que tería sido un valioso triunfo a domicilio ante Unionistas de Salamanca (1-1).
Os granates, nun partido moi serio e sen apenas concesións, foron superiores a un rival que marcaba con 11 puntos a fronteira dos postos de descenso, e ao que manteñen á mesma distancia (12 puntos por 16 dos da Boa Vila).
Rubén Domínguez apostou unha xornada máis por un bloque moi recoñecido, con algunha pequena novidade como a oportunidade no once para Joao Resende.
Foi Unionistas o que comezou dominando a posesión, aínda que sen excesiva profunidad salvando un cabezazo sen apenas perigo no primeiro minuto ás mans de Marqueta. O Pontevedra por contra estaba ben plantado sobre o terreo de xogo esperando o seu momento.
Ese momento chegou pronto, xa no minuto 12. Resende roubaba o coiro en campo propio e lanzaba unha rápida contra apoiándose en Tiago Rodríguez. O 24 granate levábaa primeiro aos tombos pero pisaba área, recortaba e conectaba un disparo seco ao pau curto que sorprendía ao porteiro local Marco Coronas para marcar. Esta vez o Pontevedra golpeaba á primeira ocasión que tiña.
O tanto reforzou o plan dos pontevedreses. Unionistas respondía cun disparo desde fóra da área que Marqueta enviaba a córner, e tamén Yelko de lonxe quedou cerca do tanto, pero co paso dos minutos os de Rubén Domínguez conseguían frear o ritmo de xogo e que apenas pasasen cousas.
De feito segundo achegábase o descanso, aínda sen grandes ocasións, a sensación de enteireza do Pontevedra facía que se vise máis cerca o seu segundo tanto que o empate salmantino. Unha acción de Miki Bosch en condución terminou cun disparo alto de Brais, e de novo o 8 xa no desconto ameazou cun disparo sorpresivo ao pau curto que o gardameta repeleu á esquina. Chegábase así ao intermedio cun xusto 0-1.
Non cambiou o guión tras o paso por vestiarios. Era Unionistas o que, forzado por ter que buscar o empate, levaba unha iniciativa que lle cedía con gusto o Pontevedra sen pasar excesivos apuros. Esperaban os granates en campo propio pero á mínima que podían arrincaban con verticalidade.
De la Nava buscou cunha testarada a portaría de Marqueta, interpóndose Miki Bosch na traxectoria, e pouco despois Brais Abelenda atopábase un bo balón no punto de penalti pero remataba alto. Tamén Yelko, nun lanzamento de falta directa, rozou o tanto, pero o seu disparo marchou fóra por moi pouco.
Os minutos seguían caendo, cada vez máis como unha laxa para os locais, que empezaban a acusar certo nerviosismo pero que a base de empuxe afundían por momentos un pouco á defensa pontevedresa.
Froito dunha desas accións Juanra meteuse nun pequeno problema e estivo a piques de cometer un penalti que podía cambiar todo. Salvouse en directo e tamén na revisión da videoarbitraxe para entrar nos últimos 10 minutos de partido. Xusto antes Luisao, recentemente ingresado no céspede, obrigara o porteiro local a empregarse a fondo.
Pasado o abafo, recompúxose o Pontevedra para manter o tipo, e cando xa rozaba tres valiosísimos puntos chegou da maneira menos esperada o empate. Era xa o minuto 87 e Jota puña un centro moi afastado desde o costazo esquerdo, a perna cambiada, que se envenenaba sen que o tocase ninguén, pegaba no pau e sorprendía a Marqueta converténdose no 1-1.
Pau para o Pontevedra, que en todo caso segue a confirmar a súa etiqueta de equipo difícil de bater.
Como apuntamento final, nos últimos minutos o capitán Álex González saltou ao terreo de xogo convertíndose no futbolista que máis veces vestiu a camiseta granate en competición nacional na historia, superando a un mito como Cholo. Lenda a do cántabro que seguirá agrandando nas próximas xornadas.
UNIONISTAS DE SALAMANCA CF (1): Marco Coronas, Olmedo, Gorjón, Farru, Juanje (Juanma, min.71), Jota, De la Nava, Álvaro Gómez, Gastón Gallés (Pachón, min.83), Jan Encuentra, Aarón Piñán (Abde, min.71).
PONTEVEDRA CF (1): Marqueta, Garay (Eimil, min.83), Montoro, Miki Bosch, Miguel Cuesta, Vidorreta, Yelko Pino (Álex González, min.83), Tiago (Juanra, min.71), Resende (Luisao, min.71), Alain Ribeiro (Dani Selma, min.60), Brais Abelenda.
Árbitro: Armando Ramo Andrés (Aragón), auxiliado nas bandas por Sergio Ferrando e Roberto Domínguez, con Jerónimo Montes de cuarto árbitro. Amoestou a Gastón Vallés e Juanje en Unionistas e a Yelko, Miki Bosch, Brais Abelenda e Miguel Cuesta no Pontevedra.
Goles: 0-1 Tiago Rodríguez (min.12); 1-1 Jota (min.87).
Incidencias: Partido da xornada 11 de liga no Grupo I de Primeira RFEF disputado no Estadio Reina Sofía de Salamanca.