Este sábado 19 de decembro de 2015, o Arosa Sociedad Cultural cumpre 70 anos de vida, e quixo celebralo cos seus afeccionados publicando un vídeo con imaxes dalgúns dos mellores momentos da súa historia.
"70 anos para contarche unha paixón", sinala o vídeo, que mestura imaxes de todas as épocas, incluída a presente, e que foi compartido a través da canle oficial do club en Youtube.
"Foron anos de moito esforzo, traballo, cheos de alegrías e tamén de malos momentos. Queremos homenaxear a todos aqueles que pertenceron ao Arosa nalgún momento, e por desgraza xa non están, a todos aqueles que están e aos que algún día vestirán a arlequinada ou encherán as bancadas da Lomba", explica a entidade presidida por Manuel Abalo na súa páxina web.
No medio dunha irregular tempada en Terceira División, o Arosa lembra unha historia na que figuran sete tempadas en Segunda B e unha na categoría de prata do fútbol español, no curso 49/50.