A semana de celebración do ascenso por parte do Pontevedra Club de Fútbol viuse reflectida no xogo e, polo tanto, no marcador do partido deste domingo fronte á Gimnástica de Torrelavega, no que caeron por 5-1.
Para Yago Iglesias, "a falta de concentración brillou pola súa ausencia" e, aínda que recoñeceu que non lle gusta perder nunca e menos cun resultado tan avultado, sinalou que a tensión acumulada das xornadas anteriores pasou factura e, unha vez consegues o obxectivo "reláxasche".
Neste sentido, o técnico afirmou que o equipo quería competir e gañar, pero "estivo plano e de resaca". Foi un "partido circunstancial" no que o malo non foi o resultado, senón a lesión de Rares que, segundo Iglesias "ten mala pinta".
A partir de aí, o enfrontamento complícase "e o resultado reflicte o que foi o Pontevedra", declarou.
O adestrador engadiu tamén que cando Yelko marcou o 2-1 foi cando os granate estaban no seu mellor momento e con opcións para facer o empate, pero o gol dos locais de penalti "acaba de baixarnos a pouca tensión que tivemos".
Agora, o Pontevedra afrontará a última semana coa mirada posta no partido fronte ao Real Ávila, co que despedirán a tempada ante a súa afección.
Para ese enfrontamento, Iglesias dixo que espera que haxa bo ambiente e desexa "que a afección granate despida aos seus xogadores, que tanto deron a este club este ano, porque o merecen".