A ampliación da depuradora dos Praceres xera posturas enfrontadas

Pontevedra
30 de decembro 2019

A intención de Augas de Galicia de acometer a ampliación da EDAR atopouse de fronte cos veciños da parroquia de Lourizán, que inicialmente contaban co apoio plenario de todos os grupos municipais aínda que agora o PP cambiou a súa postura.

Infografía do proxecto da Xunta para ampliar a EDAR de OS Praceres
Infografía do proxecto da Xunta para ampliar a EDAR de OS Praceres / PP de Pontevedra

O saneamento da Ría de Pontevedra sempre foi unha prioridade para todas as administracións pero aínda seguimos a voltas co deseño do Plan integral, e iso que tiña que estar executado hai 20 anos en aplicación dunha directiva europea de 1991.  

Agora, baixo a ameaza da multa imposta por unha sentenza desfavorable a España do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, a Xunta e os concellos afectados tratan de planificar os investimentos, pero as posturas están enfrontadas, especialmente nun punto: a depuradora dos Praceres.

A intención de Augas de Galicia de acometer a ampliación da EDAR atopouse de fronte cos veciños da parroquia de Lourizán, que inicialmente contaban co apoio plenario de todos os grupos municipais aínda que agora o PP cambiou a súa postura.

A Xunta defende o modelo de saneamento da ría baseado en ampliar a EDAR en terreos de ENCE como o máis "realista" e efectivo "no curto prazo" mentres que o Concello de Pontevedra considera que é "posible e viable" a construción de novas depuradoras nos distintos concellos da Ría.

Así, o goberno local asegura que a Boa Vila "ten feitos os deberes desde hai tempo" co 90% das conducións de augas pluviais e fecais xa canalizadas e o 80% do municipio saneado mentres que o 20% restante "está pendente de completar a rede de saneamento mediante o contrato da auga" subscrito con Viaqua.

Pola súa banda, Marín ten en marcha a ampliación do colector da Avenida de Ourense que mellorará o saneamento das augas do municipio e tamén está a executar a separativa das augas pluviais e fecais.

Poio ten pendente tratar as augas dos 3.000 veciños de Raxó. Vaise ampliar e mellorar a estación de tratamento de residuos de Paxariñas, mellorarase o emisario de Montalvo e as canalizacións entre esta zona e Samieira. Unha obra de gran envergadura que acometerá o Estado.

Sen consenso o plan de saneamento avanza… nos despachos.