Nun encontro coa veciñanza da parroquia de Verducido, Luís Rei, candidato á alcaldía pola agrupación Marea Pontevedra mostrouse partidario de que os residentes desta zona asuman o protagonismo na loita contra as obras da A-57, que está a afectar ao monte da Fracha. Rei lembrou aos afectados por esta infraestrutura que contaran co partido político que lidera para continuar a manifestar a súa oposición a estes traballos.
O candidato, acompañado pola número dous da lista Teresa Casal; por Manuel Fontán, número tres e por Herminia Dios, número seis da candidatura, explicou que desde a corporación municipal impulsaron mocións contra esta actuación promovida polo ministerio de Fomento e respaldada polo goberno local.
Luís Rei explicaba neste encontro que é unha barbaridade que se duplique a autoestrada do Atlántico e engadiu que as obras da A-57 supoñen un investimento de 1.500 millóns de euros. O candidato de Marea Pontevedra quere que ese diñeiro sexa empregado en rescatar a AP-9 convertíndoa en gratuíta, ao entender que xa se encontra amortizada.