Canto custa unha nai? Uns oitenta euros

27 de abril 2025

A miña nai estivo en Urxencias de Montecelo tras días dunha intensa dor na perna e no baixo ventre. Cinco horas agardando para nada, non lle fixeron proba ningunha

Recentemente, fai pouco máis dun mes, sufrín un forte trauma: a morte da miña nai, a persoa á cal máis quixen, a que máis me quixo, ao longo dos meus cincuenta anos de vida. Ademais de vivir con ela, morreu ao meu carón en paliativos do Hospital Provincial da nosa cidade. Fai uns meses, ninguén se imaxinaba este desenlace, a miña nai seguía saíndo coas súas amigas, tomando o café dos xoves... a súa vida. O desenlace, fatal, foi por unha serie de neglixencias médicas e un posterior abandono, de feito morreu sen atención dun médico. O día 27 de outubro do pasado ano, entre as dez e as cinco da tarde, a miña nai estivo en Urxencias de Montecelo tras días dunha intensa dor na perna e no baixo ventre. Cinco horas agardando para nada, non lle fixeron proba ningunha, só a palparon, como se estivésemos en tempos de Galeno, médico persoal do emperador Marco Aurelio. Un individuo (coñezo o seu nome), negouse a facerlle algunha proba de radiodiagnóstico ou unha eco, alegando que eran "gases", e mandouna para a casa.

Os seguintes días foron de intensas dores para a miña nai. Naquel intre, eu xa lle dixera á miña nai que aquilo non eran "gases", senón que era un trombo, seica que a pesar de ser de Humanidades sei máis de medicina que os nosos médicos, se o son en realidade, xa que hai fraude nas titulacións. O venres seguinte, a miña nai volveu a Montecelo, a pobre xa non aguantaba coas dores. Entón entrou en observación e despois en planta. Eu tiña razón: era un trombo. Dixéronnos que había un principio de cirrose e un trombo na vea porta do fígado. Pero de repente, un día despois, apareceu un paracaidista, que nunca víramos, e díxonos que a miña nai tiña cancro e podería morrer en cuestión de horas. Estaba clara a estratexia: un cancro terminal dá igual que che atendan unha semana antes que despois, pero un trombo, un trombo é cuestión de minutos a diferenza entre a vida e a morte. O SERGAS pecou de neglixencia por dicirlle que eran "gases", negándose de xeito explícito a facerlle probas, e logo, para lavarse as mans, inventouse o do cancro. O relato do cancro non ten moito sentido, os enfermos de cancro son remitidos a un oncólogo, e nós non vimos a un oncólogo en ningures. Estaba claro que a miña nai era vítima, non só dunha neglixencia, senón dunha mentira.

A miña nai foi dada de alta e estivo connosco, na casa, ata o pasado mes de marzo. Ao principio viñan os de HADO, pero as visitas foron distanciándose e sen causa aparente, deixaron de vir. Dixéronlle á miña nai que a partir daquel momento dependía de Montecelo e que a chamarían por teléfono. Pasaban as semanas e alí non chamaba ninguén. Chamamos a HADO e nos dixeron que non, que dependiamos da médica de cabeceira. Como pode depender unha persoa no estado da miña nai de atención primaria? A miña nai tiña moitas dúbidas, todos os días recibía un pinchazo de heparina (anticoagulante) e non sabía se aquilo era para sempre, así que tivo que pedir cita en atención primaria. O meu pai foi alí a pedila, e como era habitual, déronlla en dez días. Dez días máis de abandono. A miña nai foi vítima dunha neglixencia e do empecinamento do SERGAS de manter o relato do cancro para lavarse as mans.

Miña nai tiña cirrose, pero a súa doutora de cabeceira, que por certo, é tamén a miña, durante anos fixéralle analíticas para controlar o fígado graxo, a última este verán, e dicía que estaba todo "dentro da normalidade". Fai unhas semanas, á semana seguinte da morte da miña nai, fun xunto a esta persoa a pedirlle cita para o neurólogo e o otoneurólogo polo meu problema de oído, e non ma deu, a tacañería é unha constante desta señora. Din que castigan os médicos que lles fan aos pacientes demasiadas probas ou que remiten aos especialistas, un bo médico pasaría de sancións e trataría de dar o mellor servizo e atención aos seus pacientes. Pero hai médicos, como esta señora, que aplican a queima roupa as políticas austericidas e máis ca médicos son comisarios políticos disfrazados. Se esta médica de cabeceira lle fixera hai anos unha ecografía á miña nai, en troques das analíticas de catro patacas, teríanlle localizado a cirrose, e teríanlla tratado. A cirrose foi a que fixo que aparecera un trombo na vea porta, trombo que destrozou o fígado con grandes dores para a miña nai, durante días de abandono na casa entre a primeira consulta a Urxencias e a segunda. Eu mesmo, debido a que sei que teño o fígado graxo, é hereditario, pedíralle unha ecografía de fígado hai anos, evidentemente negouse. Eu quixera trocar de médica, cando sei que ela é en gran parte responsable da morte da miña nai, pero non podo, xa que non é miña, é do meu pai, eu non teño tarxeta sanitaria propia. Iso que cacarexan de que en España a seguridade social é universal é unha grande mentira, eu nacín en Pontevedra, que está no universo seica, e non teño tarxeta propia. Por outra banda, as analíticas realizadas á miña nai, segundo os meus tíos e tías, todos médicos, non eran tan "normais" como dicía ela, mentíalle á miña nai cando había cousas que sinalaban que si, que era necesario facer unha eco, pero mentía para aforrar esa eco e así evitar ser sancionada por facer probas "innecesarias" aos seus pacientes. Unha ecografía vale cartos que o SERGAS non quere gastar. Estiven investigando, seica unha ecografía de fígado nun centro privado en Pontevedra custa uns oitenta euros, incluído o marxe de beneficio, polo que en realidade custa menos. Iso é o que custaba a miña nai para os burócratas do SERGAS: oitenta euros. Se á miña nai lle tivesen realizado unha ecografía, tería unha cirrose controlada e non xurdiría ese trombo. Se aparecía un trombo, se lle fixesen unha ecografía aquel 27 de outubro que foi a Urxencias, en vez de dicirlle que eran "gases", teríano localizado e cun anticoagulante poderían disolvelo, e teríanlle salvado a vida á miña nai. A miña nai foi asasinada por unha política austericida do SERGAS e por un persoal médico entregado a esta política ao cen por cen. Foi taxada e vendida en menos de oitenta euros. O SERGAS, grazas á morte da miña nai, aforrou oitenta euros.

Á miña nai, en ningún momento lle interromperon o tratamento con heparina, un anticoagulante, e cando morreu tiña grandes hemorraxias, morreu en paliativos afogada polo seu propio sangue. Eu collíalle a man e dáballe caricias na cabeza nos seus últimos intres. Senteime un intre... e morreu. Alí, diante miña. Non chegou a estar nin 24 horas en paliativos, pero durante todo ese momento, non estivo presente médico ningún do SERGAS. Eu preguntaba onde estaba o médico e dicíanme que en todo o Provincial non había médicos, que había que chamalo e que baixaría de Montecelo. Por que non o chaman?, preguntaba, non había resposta. Resulta que o persoal sanitario tiña días de asueto, pero tiñan que collelos antes do día 31 de marzo, senón os perderían. A miña nai entrou en paliativos na madrugada do día 23, é dicir, estabamos a final de mes e faltaba persoal sanitario. Xa que, como todos sabemos, é "máis importante" un día de asueto para tomarse unhas cervexas cos amigos que salvar a vida dunha persoa, sobre todo se esa persoa é a nai e mellor amiga, o ser máis amado, dun disidente intelectual coma min ao cal a administración goza torturando coa desatención sanitaria e o ostracismo laboral, por non falar da expulsión da administración en dúas ocasións cando accedera a ela por concurso público, non por colegueo e relacións clientelares. Entendo que o persoal sanitario debe estar sindicado, pero durante o tempo que a miña nai estivo en paliativos non estaban garantidos os servizos mínimos en absoluto.

O indignante foi que, tras horas de desatención médica, cando a miña nai morreu, dixeron que habería entón que certificar a morte da miña nai, e entón si, chamaron o médico e apareceu en dez minutos. Pregunteille a razón de que non aparecera durante o día, a súa contestación foi que "non había nada que facer". Seméllase moito ao "ían morrer igual" de Ayuso. Polo visto, os protocolos sanitarios criminais non só son da comunidade de Madrid. Pero a morte da miña nai non se pode politizar, como fan coas mortes nas residencias de anciáns durante o peor da pandemia en Madrid. Por iso non importa a ninguén nin sae na televisión.

Os médicos quéixanse de que están mal pagados, e liscan para outros países. Pero un profesional da medicina que prefire salvar a vida dunha descoñecida que á nai dun amigo, dun veciño ou da súa propia nai, e toma esa decisión baseándose en criterios económicos, non merece ser chamado médico. Por outra banda, tamén debería ser preguntado se é moral a fuga de médicos a outros países, tendo lóxica manter a prohibición que a URSS tiña no seu tempo sobre a exportación do sector médico, considerado estratéxico. Así, o neurocientífico Elkhonon Goldberg, tivo que facerse pasar por camilleiro durante uns anos para poder saír do país. Pero é que a URSS, a pesar das súas purgas e excesos burocráticos, tiña un interese, real, polo público. Mostrado en políticas fácticas, non en meras procesións de pancartas.

Non hai médicos, os bos médicos, aqueles competentes e humanos, que se quedaban aquí a pesar de cobrar menos, están xubilados. Ante esta carencia de médicos, o SERGAS recorre a persoal extracomunitario, ás veces mal formado, ou aos MIR. Ás veces convalida de xeito apresurado as titulacións deste persoal médico extracomunitario, cometendo fraude, e convertendo cursiños duns poucos meses en formación universitaria completa en medicina. Isto é algo plenamente coñecido. Onde está a xente que ano a ano sae da facultade de medicina compostelá, sobre todo a que saíu entre os anos 90 e primeira década do século XXI? Esa é a xente que precisamos.

Polo tanto, esta é a conclusión: a miña naiciña, o meu soporte anímico, foi asasinada. Era o meu sostén, durante os meus días, arrastrando problemas de saúde derivados igualmente da mala praxe do SERGAS, agardando ser atendido dunha vez. Eles din que si me atenden, pero tan sequera teñen un diagnóstico sobre ese enorme ruxido de oído que teño. A miña nai quixo ser incinerada, e a proba dos seus delitos respecto a ela son cinza. Pero eu estou aquí, con múltiples probas da continua neglixencia que cometen comigo, das continuas mentiras sobre o estado do meu tímpano e dos ósos do oído, e vouvos empapelar coa miña avogada. OPÉRENME XA E DEIXEN DE MENTIRME!!! A DEMANDA ACHÉGASE TICK-TOCK-TICK-TOCK.