O colmo dos colmos! O "Guernika galego"!

15 de xuño 2026

Cando un pensa que xa o ten todo oído e todo visto, aparece nalgún medio, falado ou escrito, a conseguinte odiosa comparación do noso co alleo, dando por sentado que o foráneo é mellor.

Cando un xa está canso de aturar as tópicas "Suíza española", "Marbella de Galicia" e mesmo "Altamira gallega" no canto dos petróglifos de Campolameiro, que mira ti que terán que ver as insculturas coas pinturas rupestres, e outra vez chamar a Eduardo Barreiros "el Henry Ford gallego", cando deberían chamar "el Barreiros americano" a Henry Ford. Non para aí a cousa pois, nun documentario da galega tratan de presentarnos ó frade Rosendo Salvado como…atención! …o DOCTOR LIVINGSTON galego !!! (Así mesmo o dixo un tipiño no tal documentario)

Quen inventa estas cousas?; fachendosos de parroquia con cargo oficial; plumillas subvencionados e estómagos agradecidos varios, en fin influencers e tocabólas destalentados.

E veña un día e veña outro. Hainos que fican á espreita para endosarlle o alias ou a odiosa comparación á primeira persoa ou cousa que se presente.

Así, un certo plumilla, nun certo xornal de cuxo nome non quero acordarme, dixo que o megaiate de 47 m. de eslora de Amancio Ortega estaba na ría de Aldán, o CARIBE GALEGO! onde dispón dun discreto e tranquilo lugar para descansar: a pequena MIKONOS galega. E digo eu: xa postos a rebautizalo todo por que non lle chamou a Amancio "o Aristóteles Onasis galego"? Ademais, xa lle valían as mesmas iniciais.

Ben, quédame a derradeira e a máis gorda: os dous de sempre de Castelao foron á Arxentina (a gastos pagos) para achegar a pintura de Castelao "A derradeira lección do mestre" que estes chaman O GUERNIKA GALEGO !!!

POR QUE "GUERNIKA GALEGO"? Porque os dous son grandes? Porque os dous reflicten a barbarie franquista? Por que os dous autores eran republicanos ?

POR QUE ?