Entre finais de xullo e o mes de agosto, estiven tres semanas como músico na rúa, xa que ademais de historiador son músico, en concreto gaiteiro. Durante esas tres semanas, tiven a posibilidade de chegar a unha serie de conclusións e reflexións sobre a música na rúa, reflexións que me gustaría compartir convosco.
O vindeiro 1 de setembro comeza o prazo de matrícula no derradeiro ano do programa de doutoramento, e unha vez defendida a tese, supoño que terei que satisfacer unha serie de taxas. E a ausencia de cartos por non ter traballo levoume a plantexarme esta posibilidade de tocar na rúa. España é un país onde é máis importante a quen coñezas que o que coñezas, e todo está estrictamente rexido pola política, a ideoloxía e as relacións de clientela. Eu son unha persoa independente, sen padriño nen madriña, moi eficiente, pero ninguén quere confiar en min á hora de darme unha oportunidade laboral. É innumerable o número de currículos que entreguei, non só para ser profesor de Historia nun centro concertado (nunca contestan) como de repoñedor nun supermercado. O outro día tiven unha entrevista laboral disto último, ademais teño o certificado profesional de loxística de almacéns, pero non tiven sorte. En fin, que con 50 anos non teño traballo. A pesar da lesión do oído, totalmente solucionable cunha operación que o SERGAS se nega a facerme, decidín coller a gaita e poñerme a tocar na rúa.
Durante esas semanas, si, conseguín os cartos para a matrícula, e incluso esta semana puiden mercar un libro sobre o ciclo homérico de Robin Lane Fox, de quen estou lendo a súa magna biografía de Alexandre Magno, o derradeiro agasallo que me fixo a miña naiciña antes de que o SERGAS decidira matala para poder aforrar algo menos de 80 euros (así de cru). De feito, cando mo fixo e mo adicou, estaba en Montecelo, despois dunha grave neglixencia médica da cal o SERGAS, o responsable de urxencias e o xerente de área sanitaria se negan a recoñecer e a pedirme desculpas.
Pero máis que cartos, o que recibín durante esas semanas foron miradas de noxo por parte dos viandantes. Eu tocaba a gaita, e mirábanme de arriba a abaixo, tamén escoitaba risiñas ou tarareos burlóns da coñecida "muiñeira de Lugo", aínda que o meu repertorio estaba moi afastado desa peza facilona. Había xente que, a pesar de haber oito metros de ancho de rúa, decidía que o mellor camiño era pasar por riba do cazo das moedas, dándolle unha patada e tirando co contido. Seguían camiñando, xiraban a cabeza, miraban a desfeita e nen pedían perdón. Eu tiña que deixar de tocar e poñerme a recoller as moedas, seguramente algunha perdín dese xeito. Pero, ademais, tanto comerciantes como veciños pedíanme que me fose dali. Tiven que trocar de ubicación en tres ocasións: o principio de Benito Corbal, Soportais e Michelena. O máis maleducado foi precisamente neste último, saíndome un individuo ao balcón do primeiro piso do edificio que fai esquina entre Michelena e a rúa Fernández Villaverde facendo aspaventos e gritando: "eh, o da gaita" (en castelán). Díxome que me cambiase de sitio, que levaba tocando oito horas, cando eu só tocaba como moito catro: dúas pola mañá e dúas pola tarde. Gustaríame que me lese aquí e me concedese un pouco máis de empatía, pero este tipo de xente non soe ler as colaboracións de intelectuais nos medios, son máis ben do "Marca". A toda esa xente que me miraba como a unha m..., que se ría de min, que lle daba patadas ao meu cazo de moedas, e que me botaba fóra dun espazo público, gustaríame dicirlle que non son un indixente, son un investigador de élite, formado en España e en Alemaña, con carreira, diploma de estudos avanzados, máster, e coa tese doutoral que brevemente será defendida para acadar o grao de doutor, e que precisaba duns cartos extra. Si, esa m... de indixente que tocaba na rúa e á que vostede que ía co pano ao pescozo para asistir a unha corrida de touros lle deu unha patada ao seu cazo de moedas, resulta que ten máis estudos que todos os políticos do Congreso, que presumen de títulos dos cales carecen e que cando os pillan din que foi un "erro" na páxina pública onde colgaron o seu currículo.
Tamén había os que me sacaban fotos e incluso me gravaban co teléfono durante minutos, de todos os ángulos, e despois liscaban sen darme un céntimo. Cando revisaba as moedas para contalas, atopábame con moedas que non estaban en circulación, incluso había un duro dos de antes. Despois levaba as moedas e ingresábaas no banco, sufrindo tamén as miradiñas das empregadas do banco que pensarían: "mira o que saca pedindo na rúa". E non, eu non pedía na rúa. Eu son un músico, aínda que debo recoñecer que son mellor historiador e escritor que músico.
En canto ás reflexións, en cidades como a de Compostela, a presenza de músicos na rúa está baixo control do Concello, que incluso fai audicións dos músicos para ver se merecen a pena, e lles aporta sitios e horarios para tocar. Así, se algunha persoa se sinte molestada polo músico, e lle pide (ou lle esixe, como o tipo do balcón) que lisque, este pódelle dicir que non pode, que ese é o punto que lle cedeu o Concello e se ten problema algún, que vaia ao Concello a presentar unha queixa. Ademais, debido á necesaria audición, os músicos que non afinan ou que non saben tocar non pasarían o corte e non estarían molestando. O curioso é que a min me botaron tres veces de sitio e hai músicos de penosa interpretación e nula afinación que levan máis de dez anos molestando a viandantes, veciños e comerciantes. Eu considero que en Pontevedra se debería implantar o modelo compostelán para regular a presenza de músicos na rúa, xa que hai músicos e "músicos"; e ademais aportaría unha cobertura legal e unha dignificación do músico a pé de rúa.
