Co Día Internacional contra o Acoso Escolar á volta da esquina, é un bo momento para observar o que está a suceder nas aulas galegas. Aínda que a nosa comunidade conta con programas de prevención e protocolos de actuación en escolas e institutos, moitos nenos e nenas seguen a sufrir acoso escolar.
O acoso escolar non sempre é percibido polo profesorado ou as familias. Ás veces é provocado por unha palabra inapropiada, unha mirada humillante ou simplemente o baleiro que sente alguén que é rexeitado ou illado dos demáis. Algúns adultos non se decatan, pero as feridas que deixa en quen o padece poden durar ó longo de toda a súa vida.
Por iso é tan importante actuar antes de que os estudantes poidan resultar prexudicados. Non abonda con activar o protocolo nos colexios e institutos, porque para entón xa é demasiado tarde, xa que o dano xa foi feito. É necesario que os nosos fillos e fillas practiquen a empatía, para que perciban e comprendan todo o que chega a sufrir o neno ou nena afectado. Debemos evitar que os compañeiros e compañeiras da persoa afectada se convertan en cómplices do acoso escolar mediante o seu silencio. Absolutamente todo o mundo é responsable se mira para outro lado.
Os nosos fillos e fillas teñen dereito a aprender, socializar e medrar nun ambiente seguro onde se sintan valorados, protexidos, respectados e queridos, independentemente do seu sexo, raza, orientación sexual ou relixión. Debemos ter isto presente neste 2 de maio, no que se conmemora o acoso escolar, pero aínda máis importante é convertelo nun compromiso real para tódolos días do ano. Teñamos en conta que o acoso escolar e o suicidio, aínda que teñen múltiples causas, están estreitamente relacionados cando se trata de menores.
Víctor Manuel Serén Cañás, de Carballo (A Coruña).