1.850 menores de 21 anos da cidade de Pontevedra viaxan de balde no autobús interurbano

Pontevedra
02 de setembro 2020

Preto de 4.000 menores de 21 anos da área de Pontevedra están a viaxar xa de balde no autobús da Xunta coa tarxeta "Xente nova", tras cumprirse dous meses e medio da implantación deste dispositivo

Autobús de transporte público
Autobús de transporte público / Mónica Patxot

Desde a segunda quincena de xuño e ata esta semana, estanse a beneficiar xa da gratuidade do transporte interurbano un total de 3.978 menores de 21 anos da área de Pontevedra.

O maior número de demanda de tarxetas "Xente nova" procede da mocidade do concello de Pontevedra, onde se expediron un total de 1.850 dispositivos.

Nesta listaxe de usuarios que viaxan de xeito gratuíto co dispositivo séguelle a mocidade de Marín (con 891 tarxetas Xente Nova expedidas), Poio (168), Sanxenxo (146) e Bueu (133 tarxetas expedidas).

En canto as viaxes realizadas desde a implantación do dispositivo nesta área, desde mediados de xuño e ata o 31 de xullo, o número ascende ata un total de 13.779, sendo os traxectos máis empregados os de ida e volta entre Pontevedra-Marín e as conexións entre Sanxenxo e Pontevedra.

TARXETA TRANSPORTE METROPOLITANO

A implantación total do Plan de Transporte Público está a permitir estender ademais ao conxunto dos usuarios do autobús interurbano da área de Pontevedra as vantaxes da Tarxeta de Transporte Metropolitano (TMG), cun 10% de desconto en todas as viaxes.

Os datos destes primeiros meses de extensión da tarxeta de Transporte TMG reflexan que na área de Pontevedra, onde está a funcionar este dispositivo tamén desde o pasado 15 de xuño, xa beneficia a 2.757 usuarios.

Deste xeito, coincidindo coa posta en funcionamento destes novos contratos, os usuarios das liñas destas áreas teñen tamén á súa disposición un novo bono de ata 50 viaxes mensuais, independentemente de que sexan de ida ou de volta, que supón un desconto do 50% do custo de cada unha das viaxes sobre a tarifa das empresas.