Un 1 de maio de reivindicación e división sindical en Pontevedra

Pontevedra
01 de maio 2025
Actualizado: 02 de maio

Mobilizáronse, por separado, CIG, UGT, CCOO e CGT. "Con esta xente, agora mesmo non podemos compartir líña de batalla", sinalou Omar Vázquez, de CCOO. Ramón Vidal asegura que "non é por culpa de UGT"

Manifestación de CIG o 1 de maio de 2025

Catro manifestacións percorreron as rúas de Pontevedra na mañá deste xoves 1 de maio, unha desunión sindical que non se reproduce noutras cidades, senón que este ano só se vivía, na comunidade galega, en Lugo. 

Mobilizáronse, por separado, CIG, UGT, CCOO e CGT. Cada sindicato explica os seus motivos para esa desunión dentro de que todos consideran necesario que o 1 de maio sexa de reivindicación.

CIG (le aquí informacion sobre a súa manifestación)

Marcos Conde, secretario comarcal de CIG, lembrou que a súa central sindical leva xa "moito tempo" convocando por separado.

Particularmente, gustaríalle "que todas as manifestacións foran moi concurridas" e considera que coa asistencia demostrada á súa lograron "demostrar músculo".

Descarta manifestarse con UGT ou CCOO porque "ao noso modo de ver, son cómplices, dando por boas moitas das reformas que nos están levando a esta precariedade".

Manifestación de CIG o 1 de maio de 2025Cristina Saiz

CCOO (le aquí información sobre a súa manifestación)

Omar Vázquez, secretario xeral de CCOO en Pontevedra, sinalou que "é certo que é unha vergoña para todos que haxa tanta división sindical", pero xustificouna polo contexto especifico de Pontevedra: "Con esta xente, agora mesmo non podemos compartir líña de batalla"

"Temos que ter en conta tamén o contexto de cada sindicato", sinalou Vázquez, que dixo da CIG que se manifesta, segundo as súas propias palabras, "por unha industria que fixa emprego na comarca, contra unha desertificación industrial que crítica", pero, en Pontevedra, "xunto co BNG, defenden exactamente todo o contrario".

En relación con UGT, sindicato co que noutras localidades van unidos, asegurou que "por sorte, rompemos relación, xa tamén por dignidade", pois, ao seu modo de ver, "están reconvertidos en pouco máis que en sicarios da patronal, pactando eleccións coas empresas, para ter representación a calquera prezo, ou con delegados que actúan case como encargados das propias empresas".

Manifestación de CCOO o 1 de maio de 2025Cristina Saiz

UGT (le aquí información sobre a súa manifestación)

Ramón Vidal lembrou que a división sindical con CIG xa leva moitos anos producíndose, é unha "división clásica", pois "non quere participar nunha manifestación conxunta".

Diferente é a separación con CCOO, pois noutras cidades os dous sindicatos van xuntos e en Pontevedra tamén ata hai un par de anos. Vidal asegurou que "non é por culpa de UGT"

Animou a preguntar as causas a CCOO, pois considera que teñen "o mesmo lema, a mesma reivindicación e a mesma situación" e asegura que, por parte de UGT, a proposta de manifestarse de forma conxunta "sempre está aberta. Nós non dixemos nunca que non".

Manifestación de UGT o 1 de maio de 2025Cristina Saiz

CGT

O sindicato CGT foi o que tivo menos asistencia á súa manifestación. Partiron ás 13.00 horas da Praza do Hospital defendendo que "a loita é o único camiño".

Manifestáronse este ano cun dobre lema na pancarta de cabeceira: "Contra a sinistralidade e a represión, organízate e loita" e "Internacionalismo e solidariedade con Palestina: ¡Paremos o xenocidio!".

Durante a manifestación, houbo moitas bandeiras de Palestina e coreáronse consignas como "accidente laboral, terrorismo nacional" e en defensa de "Correos como servizo público"
 

Manifestación de CGT o 1 de maio de 2025Cristina Saiz