Agárdase que neste 2026 comece a reforma da rúa de Pazos de Fontenla en Bueu

Bueu
15 de xullo 2026
Actualizado: 13:33

A Xunta achega o 70% do investimento para a reforma da rúa, unha das principais vías urbanas do municipio

Alfonso Rueda e María Martínez Allegue en Bueu David Cabezón - Xunta de Galicia

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, visitou este mércores Bueu para participar, xunto coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na sinatura do convenio de colaboración co Concello que permitirá acometer a humanización da rúa de Pazos de Fontenla.

O acordo establece que a administración autonómica asumirá o 70% do custo desta actuación, dividida en tres fases, sendo a primeira a de maior envergadura económica e técnica.

Os traballos teñen como obxectivo actualizar unha rúa que vertebra o núcleo urbano e que require adaptarse ao crecemento demográfico e comercial da zona.

O proxecto estrutúrase na renovación integral dos servizos canalizados baixo terra e a reordenación da superficie para facilitar o tránsito peonil e mellorar o espazo público.

"Este Concello foi crecendo, foi evolucionando, e necesitaba esta adaptación", apuntou o presidente autonómico lembrando que as persoas "queren entornos cada vez máis amigables".

Tras a rúbrica do documento co alcalde nacionalista de Bueu, Félix Juncal, a xestión do proxecto pasa a mans do ámbito municipal, que deberá tramitar a licitación, adxudicación e inicio das obras.

Alfonso Rueda e Félix JuncalDavid Cabezón - Xunta de Galicia

O calendario administrativo prevé que os primeiros traballos comecen neste 2026, cunha partida orzamentaria xa asignada, que se sitúa en 2,4 millóns de euros, aínda que o groso da execución material e do investimento se concentrará durante os anos 2027 e 2028. 

Alfonso Rueda enmarcou esta colaboración dentro da liña de apoio que a administración autonómica mantén con diversos municipios de tamaño medio para afrontar investimentos de gran contía, citando intervencións similares en concellos como Poio ou O Grove.

Do mesmo xeito, o presidente galego sinalou que a política de infraestruturas da Xunta prioriza actualmente a finalización dos tramos pendentes nas autovías de titularidade autonómica e o mantemento da rede viaria existente.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora