A Asociación Veciñal Estriceres de Lourizán reitera o seu malestar pola falta de solucións efectivas ao grave problema do tráfico pesado que atravesa diariamente a parroquia pontevedresa.
Segundo denuncian, aproximadamente 600 camións circulan a diario pola estrada PO-546, antiga estrada de Marín, provocando importantes molestias aos residentes.
A última reunión entre os representantes veciñais e a Axencia Galega de Infraestruturas celebrouse o 24 de setembro de 2021, sen que desde entón se teñan producido avances significativos. "Levamos anos recollendo directamente da veciñanza as súas queixas e demandas", sinalan desde a asociación.
Entre outros problemas destacan as verteduras de viruta, as vibracións que causan fendas nas vivendas e o ruído constante desde primeiras horas da mañá.
Os veciños consideran "superficiais e insuficientes" as medidas adoptadas ata o momento pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que se limitaron á instalación dunha glorieta de 32 metros de diámetro na igrexa de Lourizán e á colocación de lombos nos pasos de peóns.
"Non se tomou ningunha medida efectiva para limitar o paso de vehículos pesados no tramo máis urbano, desde a rotonda de Os Praceres ata a entrada de ENCE", lamentan.
A asociación cuestiona tamén a actitude "pasiva" dos representantes da Axencia Galega de Infraestruturas e da propia consellería ante unha problemática "que afecta gravemente" á parroquia. Ademais, manifestan a súa decepción co Concello de Pontevedra, ao que acusan de actuar como "mero observador" sen tomar medidas concretas respecto ao futuro do tráfico na PO-546 cando pase á súa xurisdición.
Desde Estriceres reafirman o seu compromiso de seguir defendendo a eliminación do tráfico pesado nesta estrada, ao considerar que é "unha prioridade para garantir a seguridade, a saúde e o benestar" de toda a veciñanza de Lourizán.