8M | Colexios da comarca conmemoran o Día Internacional da Muller

Pontevedra
08 de marzo 2021

Os centros educativos da comarca de Pontevedra tamén se sumaron este 8M, Día Internacional da Muller, ás conmemoracións desta importante xornada. Fixérono sen grandes actos, debido á covid-19, pero co mesmo espírito reivindicativo

Exposición "Mulleres no cine"
Exposición "Mulleres no cine" / CEIP da Laxe

Os centros educativos da comarca de Pontevedra tamén se sumaron este 8M, Día Internacional da Muller, ás conmemoracións desta importante xornada. Fixérono sen grandes actos, debido á covid-19, pero co mesmo espírito reivindicativo.

PONTEVEDRA

O CIFP A Xunqueira apostou por instalar un 'photocall' pola igualdade na entrada do centro. A comunidade escolar está a facerse fotos cunha vestimenta laboral escollida para visibilizar a necesidade de derrubar o teito de cristal, rachar coas diferencias salariais e coa feminización dos traballos precarios ou, en xeral reinvindicar unha educación feminista e crítica.

Ademais, o alumnado editou un pequeno vídeo conmemorativo coa participación de mulleres do seu entorno próximo, entre elas irmás, nais, amigas ou avoas.

O CEIP de Ponte Sampaio realizou, pola súa banda, unha mesa redonda virtual con tres ex alumnas do centro que hoxe en día son profesionais de distintos sectores. Entre elas atópase Jessyca Ocampo, fotógrafa profesional e autora do 'Mapa do Medo', un libro que recolle os testemuños de máis de 150 vítimas galegas que foron acosadas en espazos públicos de Santiago de Compostela.

MARIN

O CEIP da Laxe recibiu o alumnado cunha exposición de mulleres relevantes no cinema, o proxecto anual no que están a traballar este curso. Ademais, o lema elixido para o banco cedido polo Concello foi "Eu persigo os meus soños, e ti?  Eu serei o que queira ser".