A cara máis solidaria do Surfing the Lérez: seis toneladas de alimentos para Redeaxuda

Pontevedra
19 de xuño 2016

Os asistentes ao festival entregaron como 'entrada' case dúas toneladas de alimentos máis que no ano 2015, fundamentalmente cacao, azucre, café, leite, aceite, fiambre, galletas, conservas e cueiros da talla 5. Vinte voluntarios participaron na recollida das doazóns, que empezarán a entregarse esta semana 

Xornada do sábado no Surfing The Lérez 2016 Diego Torrado

O festival Surfing the Lérez non só é sinónimo de música e diversión en familia á beira do río, tamén ten un carácter solidario que se vai reforzando co paso dos anos. Na súa sexta edición, que se celebrou os dous últimos días na Illa das Esculturas coa participación de miles de persoas, permitiu recoller seis toneladas de alimentos, case dúas máis que no ano 2015

A entrada ao Surfing the Lérez é de balde, pero coa aportación voluntaria por parte dos asistentes de alimentos ou produtos hixiénicos infantís (cueiros) que teñen como destino as entidades integradas na rede municipal Redeaxuda. E o público tivo unha resposta xenerosa que confirma o seu compromiso social.

Ademais, os participantes no festival entregaron en doazón os produtos aconsellados pola organización, destacando cacao, azucre, café, leite, aceite, fiambre, galletas, conservas e cueiros da talla 5.

Os alimentos e produtos de hixiene infantil recollidos empezarán a entregarse esta semana entre as organizacións de Redeaxuda que atenden as necesidades básicas de persoas e familias: Cáritas, Comedor de San Francisco, Calor e Café, Rexurdir Provincial, Meniños, Club de Leones e Fundación Amigos de Galicia.

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, unha vintena de voluntarios participaron na tarde do venres e ao longo de toda a xornada do sábado na recollida das doazóns, entre eles estudantes do programa Erasmus +, e persoal da concellería de Benestar Social. Para o traslado dos alimentos recollidos ata a Casazul usouse a nova furgoneta doada por La Caixa a Redeaxuda esta mesma semana.