A pesar das críticas que, desde o Partido Popular, producíronse tras o anuncio por parte do Concello da compra dun local na rúa dos Ferreiros, o goberno municipal seguirá adiante con esta operación. A súa adquisición, explicou Raimundo González, é "inmediata" e pecharase nos próximos días "salvo cataclismo".
O prezo do local, que ten 1.300 metros cadrados repartidos en dúas plantas, é de 1.150.000 euros. A operación, segundo acreditan os técnicos municipais, é "moi rentable" para o Concello, explicou o portavoz do goberno.
Raimundo González reiterou que o Concello "ten que resolver" os actuais problemas que presentan os servizos de urbanismo e xestión tributaria, que carecen de espazo e atópanse repartidos por varios inmobles municipais, "e é o que imos a facer".
Esta operación, reiterou o portavoz municipal, permitirá unha "mellor atención" ao cidadán e, doutra banda, deixar de pagar os 42.000 euros anuais que custa a oficina situada actualmente na rúa Jofre de Tenorio.
Tras a aprobación en pleno da modificación de crédito que permitirá a compra deste local, os técnicos comezarán coa tramitación administrativa desta adquisición e, ao mesmo tempo, o expediente para poder realizar as obras de reforma necesarias.
Con respecto ao cuartel de San Fernando, González reiterou que esa opción "xa a tentamos por activa e por pasiva", pero non poderá acoller as dependencias administrativas do concello ata que Belas Artes constrúa o seu novo edificio nos antigos terreos de Tafisa.