A confección de máscaras une máis aínda á aldea cuntiense de Cardecide

Umia
03 de abril 2020

Ata mil máscaras feitas con lenzos de algodón, cento por cento, saíron xa do tempo e as máquinas de coser que dúas veciñas da aldea de Cardecide puxeron ao dispor do municipio de Cuntis

Máscaras confeccionadas con algodón cento por cento PontevedraViva

Cardecide é unha aldea de Cuntis. Conta cunha Asociación de Veciños que en datas sinaladas mobiliza aos seus membros para realzar o espírito de comunidade. E esta vez non foi diferente. A confección de máscaras está a ser outro nexo de unión nun momento de illamento.

Como axudar neste momento? era a pregunta que roldaba na cabeza de Carmen unha vez decretado o estado de alarma. A resposta atopouna nun lenzo de algodón procedente das pezas que tempo atrás regalábanse á parellas que ían a casar. Contactou co alcalde do municipio, Manuel Campos, para expoñerlle a súa idea de confeccionar máscaras "dado que había varias familias afectadas en Cuntis". O rexedor dáballe o visto e prace, poñéndose á súa disposición para organizar a repartición.

Así foi como Carmen contactou con Teresa, deseñaron os patróns e puxeron en marcha as súas máquinas de coser. A iniciativa expandiuse de forma que os veciños foron achegando máis pezas de algodón (cento por cento) algúns metros de goma: "aquí cada un achegou o que tiña e pode ser útil", explica Carmen, sen esquecerse do ofrecemento da Comunidade de Montes ou de persoas doutros puntos do municipio que tamén están a confeccionar.

Unha vez que xa empezaron a ter máscaras feitas, os voluntarios de Protección Civil lévanas para repartir, non só dentro do municipio, senón que tamén se fixeron chegar duascentas, das mil que yan conseguiron realizar, para a cooperativa Cobideza. As máscaras son de dobre tea cunha abertura que permite meter máis protección se fose necesaria.