A Consellería entrega a marquesiña para instalar na estrada PO-308 en Raxó

Poio
03 de decembro 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cumpre así o compromiso adquirido coa asociación veciñal A Laxe, que solicitara un refuxio para este punto. No marco da mellora da estrada PO-308 ao seu paso por Poio, a Xunta xa ten instalado 7 marquesiñas nas paradas de autobús

Nova marquesiña para Raxó Xunta de Galicia

A Xunta entregou ao Concello de Poio unha marquesiña para instalar na estrada PO-308, na zona de Fonte Maior, en Raxó.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dá por cumprido así o compromiso adquirido coa asociación veciñal A Laxe, que solicitou recentemente un refuxio para a parada de autobús situada neste punto.

A Dirección Xeral de Mobilidade xa lle comunicara o 23 de outubro ao Concello de Poio a súa disposición a subministrarlle esta marquesiña.

Unha vez que a administración local lle remitiu á Xunta a documentación relativa á posta á disposición dos terreos necesarios e a acreditación do compromiso de asumir a titularidade das instalacións, faise entrega da infraestrutura.

No marco da mellora da estrada PO-308 ao seu paso polo municipio de Poio realizada pola Xunta, xa se teñen instalado sete marquesiñas nas paradas de autobús para servizo dos veciños.