A crise provoca que máis de 200 persoas se acheguen a diario ao comedor de San Francisco

Pontevedra
13 de maio 2020

Este mércores 13, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Benestar Social Paloma Castro e o chef Pepe Solla visitaban as instalacións acompañados polo Pai Gonzalo. Dentro dun mes, este comedor social de San Francisco, sumará 33 anos de existencia

Visita do alcalde e da concelleira de Benestar Social ao comedor social de San Francisco
Visita do alcalde e da concelleira de Benestar Social ao comedor social de San Francisco / Mónica Patxot

O 13 de xuño o comedor social de San Francisco cumprirá 33 anos de existencia. Este espazo realiza un labor fundamental entre a poboación máis desprotexida. Un labor que se incrementa durante estes tempos de incerteza económica e sanitaria.

Este mércores, un mes antes do aniversario deste local de solidariedade social, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, visitaban as instalacións nas que se atopaba o coñecido chef Pepe Solla e o responsable do comedor, o pai Gonzalo Diéguez.

A expansión do coronavirus cambiou nestes meses o funcionamento do comedor. Pasou de ser presencial a establecer un servizo que permite aos usuarios levar a comida ao domicilio. O pai Gonzalo Diéguez sinalaba que, polo momento, non se rexistraron positivos entre o persoal do comedor.

O chef Pepe Solla encárgase, tres días á semana, de preparar os pratos para os usuarios. Un labor de colaboración do "estrela Michelín" que o alcalde agradecía sinalando que "somos referencia ata niso. Somos dos poucos comedores sociais que contan cunha estrela Michelín", comentaba Fernández Lores durante a visita sinalando que o Concello está a achegar o imprescindible para que este espazo poida continuar desenvolvendo a súa importante actividade. 

O pai Gonzalo indicaba que con frecuencia teñen que substituír pratos, tarteiras grandes, vasos ou calquera outro elemento necesario para o funcionamento do comedor e que o Concello encárgase de achegar este material. A concelleira Paloma Castro agradecía ás empresas privadas a doazón de alimentos.

Se ata antes do estado de alarma, os usuarios que acudían ao comedor roldaba as 130 persoas, agora a cifra chega a 200 cidadáns que acoden ata o comedor para que lles proporcionen comida para eles e as súas familias. Os efectivos de Protección Civil encárganse de que se cumpran os protocolos de seguridade e hixiene por parte dos usuarios.

A repartición realízase entre as 12.30 e as 13.30 horas con bolsas que conteñen froita, leite e alimentos cociñados ou que tamén se poden cociñar nas vivendas particulares, ademais dun bocadillo para a noite.

O alcalde sinalaba que desde o goberno local esperan que non se incremente nos vindeiros meses o número de usuarios e no caso de que a cifra aumente, a administración local realizará un esforzo para atender á xente máis necesitada.