A terceira sesión da Facultade Ágora centrouse este venres nos ‘Espazos amables, seguros e inclusivos’ para poñer sobre a mesa como debe ser a cidade ideal para vivir e as fórmulas que deben seguir os representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia para conseguila.
Na xornada participaron o doutor en xeografía Pau Avellaneda, o arquitecto Mateus Porto e as arquitectas Izaskun Chinchilla e Andrea Otero, esta última como parte do equipo técnico da Deputación de Pontevedra.
O deputado da área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos e impulsora do Plan Ágora, Uxio Benítez, subliñou que o seminario buscaba reflexionar sobre a importancia que teñen o deseño e os usos no tratamento do espazo público para que sexa de todas as persoas. "Hai que pensar os espazos para que os colectivos vulnerables da sociedade poidan ser usuarios, pensar en nenos e nenas, persoas con discapacidade, nesas persoas maiores ou que non teñen condicións sociais para acceder a outro tipo de espazos que precisan unha capacidade económica maior", insistiu.
Mateus Porto destacou que unha cidade ideal é aquela na que unha persoa "ten a posibilidade de vivir, na que unha persoa encontra a outras persoas e ten actividades xa sexan laborais e de estudo, dependendo do momento vital, onde se sinte a gusto". Sobre o tema do tráfico, afirmou que toca "reaprender" a recuperar o espazo para as persoas.
Pola súa parte, Pau Avellaneda apuntou que a cidade ideal é a que cumpre co obxectivo 8:80, que sirve para os nenos e nenas de menos de oito anos, pero tamén para os maiores de 80. "Estando preparada para estes colectivos está preparada para todo o mundo".
Izaskun Chinchilla explicou que as cidades mediterráneas son o soporte perfecto para apoiar un novo concepto de espazo para as persoas, mais é necesario actualizalas nos seus usos. "A cidade ideal é a cidade compacta, continua, cunha axeitada mestura de usos, con abondosa rede de espazos exteriores e adaptados ao clima de cada lugar", manifestou á vez que reclamaba a necesidade de traballar para acadar cidades máis coidadoras, nas que as persoas recuperen o espazo público fronte á ocupación dos vehículos.