A Festa da Batalla e os Dolores, grandes citas festivas para o mes de agosto en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
01 de agosto 2014

Agosto será un mes cheo de actividades lúdicas en Ponte Caldelas. Perfecto Rodríguez presentou este venres a programación cultural e festiva que marcará a vida social do municipio os próximos 30 días

Presentación do cartel das festas dos Dolores en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Agosto será un mes cheo de actividades lúdicas en Ponte Caldelas. Perfecto Rodríguez presentou este venres a programación cultural e festiva que marcará a vida social do municipio os próximos 30 días. A Festa da Batalla, que trasladará aos veciños ata o século XIX, e as festas patronais en honor á Virxe dos Dolores volverán ser un ano máis principais citas dentro desta oferta municipal.

A intención do goberno local é manter a oferta festiva en Ponte Caldelas co maior número de actividades culturais, sociais, musicais e de desfrute do tempo libre "co obxectivo de entreter os nosos veciños, nenos e maiores, e aos que por estas datas nos visitan axustándonos no gasto e buscando na imaxinación e a variedade o encaixe de todos os gustos dende un presuposto austero, marcado polos tempos nos que estamos", dixo o alcalde.

A Festa da Batalla e Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros concentrará as súas actividades no domingo 24 de agosto, tendo como fío condutor a recreación da loita das Alarmas de campesiños galegos contra as tropas de Napoleón. Pola súa banda, os artesáns recuperarán o protagonismo da Feira Antiga que se instalará na Alameda realizando talleres interactivos co público presente co fin de fomentar a participación popular nunha festa xa consolidada nas existentes na provincia relacionadas coa inmersión histórica.

En canto aos propios días das Festas dos Dolores prolongaranse do 30 de agosto ao 2 de setembro cun programa festivo no que o Concello intentou incorporar diferentes espectáculos e actividades para cubrir o gusto de todo tipo de público. Destaca o domingo 31 coa actuación da orquestra espectáculo Olympus, e as Cantareiras de Ardebullo que farán que esa noite Ponte Caldelas teña grande afluencia de público.

Ademais en Ponte Caldelas terán protagonismo os grupos folclóricos que comezará o sábado co encontro intercultural entre Os Coribantes de Buchabade e o Grupo "La Madreña", de Posada de Llanera (Asturias) e "La Robleda", de Cabezón de la Sal (Cantabria); ademais do concerto Son de Ponte Caldelas, que se celebrará o luns e no que participan as principais agrupacións musicais e folclóricas do municipio.

Tampouco faltarán as bandas de música cos concertos na alameda á hora do aperitivo que reúne todos os anos a centos de persoas. A banda de música de Salcedo, de Mondariz, de Redondela e a de Arcade que protagonizarán pasarrúas, o acompañamento nos actos relixiosos e o seu correspondente concerto na Alameda.

As noites de verbena estarán amenizadas o sábado polas orquestras Acirema e Latino, o luns pola orquestra América, quedando para o fin de festa do martes, coa verbena ata as 8 da mañá do mércores a cargo das orquestras Suavecito, Abano e Alcázar. Nesta noite recupérase ademais a gran tirada de lumes artificiais como colofón desta celebración.

SEMANA CULTURAL

O amplo programa deseñado polo Concello de Ponte Caldelas para a Semana Cultural (25 ao 29 de agosto) inclúe unha exposición pictórica de Olga Varela Pérez, así como unha conferencia titulada O Balneario (1895-1910), 15 anos de andaina, que pronunciará a historiadora local Mercedes Martínez Plasencia. E este ano o cine copará parte do entretemento para todos os públicos coa proxección das películas Los Becarios e Oblivion.

O entretemento para os máis pequenos virá da man dun contacontos, unha actuación de maxia e varias obras de teatro que serán interpretadas na Alameda de Ponte Caldelas. Tamén se recupera a montaxe dun parque de inchables gratuíto na alameda para o domingo 17 de agosto.