A Festa da Troita cumpre 50 anos en plena forma

Ponte Caldelas
18 de marzo 2016

Cincuenta anos non son nada se se cumpre en tan boa saúde como a Festa da Troita de Ponte Caldelas, un dos eventos gastronómicos máis importantes das Rías Baixas. E este ano, ademais, chega cun amplo programa de actividades cheo de novidades

Presentación da programación da 50 edición da Festa da Troita Concello de Ponte Caldelas

Cincuenta anos non son nada se se cumpre en tan boa saúde como a Festa da Troita de Ponte Caldelas, un dos eventos gastronómicos máis importantes das Rías Baixas. E este ano, ademais, chega cun amplo programa de actividades cheo de novidades.

Na súa presentación, o alcalde Andrés Díaz anunciou que serán as festas máis participativas dos últimos anos e apuntou que "hai máis de todo cun orzamento menor", xa que adiantou que haberá máis actividades e cun aforro de algo máis dun 13% con respecto á edición anterior, "pese a ser esta a do 50 aniversario".

Así, o alcalde sinalou que as novidades máis salientables serán o concerto inaugural da xira 2016 de Panorama, o vindeiro 10 de abril en Chan da Barcia, así como a degustación itinerante de troitas polos 23 centros socioculturais existentes no municipio.
 
O amplo abano de actividades festivas comezarán o 4 de abril coa apertura, no Centro Cultural, da exposición dos carteis e fotografías que participan no concurso deste ano e cuxos gañadores serán elixidos por votación popular.

O domingo 10 de abril terá lugar, a partir das 21 horas, a actuación da orquestra Panorama, na explanada de Chan da Barcia, primeira actuación da temporada 2016 na provincia de Pontevedra que espera chegar aos 6.000 espectadores. O Concello xa está ultimando un plan de estacionamentos alternativos para dar cabida á xente que asista a este evento.

A partir do 29 de abril terá lugar cada noite, a partir das 21 horas, unha degustación de troitas, por quendas, en todos e cada un dos centros socioculturais existentes no municipio dentro da vocación do equipo de goberno de descentralizar as actividades que se organizan por parte do Concello e coa intención de trasladar a celebración deste 50 aniversario a todo os lugares do concello.

O domingo 8 de maio terá lugar a III BTTroita, unha proba de bicicleta de montaña que se está a consolidar como cita obrigada do circuíto galego pola gran afluencia de deportistas e pola beleza das paisaxes por onde discorre. O evento terá lugar entre as 9 e as 15 horas con saída e final na Alameda de Ponte Caldelas.

Outra das novidades será o curso de iniciación á pesca, orientado sobre todo a menores de idade, pero tamén aberto á participación de persoas de todas as idades. As clases terán lugar os días 7 e 21 de maio e o prezo de inscrición (8 euros no caso dos cativos) irá integramente a sufragar os gastos do seguro e a licencia federativa. Os participantes non terán que asumir ningún custe a maiores xa que será costeado polo Concello.

O luns 16 de maio, con motivo da proximidade do Día das Letras Galegas, terá lugar a partir das 20 horas no Centro Cultural a actuación do cantante Manoele de Felisa, dentro do ciclo Cantos de Preto e Lonxe da Deputación de Pontevedra.

O sábado 21 de maio terá lugar a II Concentración de Motos de Ponte Caldelas, organizada en colaboración co Moto Club de Redondela que, este ano terá como lugar de concentración a propia Alameda de Ponte Caldelas.

Paralelamente á celebración do 50 aniversario da Festa da Troita a Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas conmemora tamén nestes días as súas vodas de prata ao cumprir 25 anos da súa fundación. Para celebralo o venres 27 de maio inaugurarán, ás 20 horas no Centro Cultural, unha exposición fotográfica sobre os 25 anos de historia.

A continuación, terá lugar a entrega dos premios dos certames de carteis e fotografías e ás 21:30 horas no colexio Cordo Boullosa terá lugar a representación da obra Memorias dun neno labrego, a cargo do humorista e actor Cándido Pazó.
 
FIN DE SEMANA GRANDE

O sábado 28 de maio terá lugar a partir das 8:30 horas da mañá o concurso sénior e veterano de pesca de pesca deportiva, que nesta edición terá como novidade que en lugar de dúas horas desenvolverase en catro, pola mañá e pola tarde.

Ás 19 horas terá lugar na Alameda a actuación do grupo de baile tradicional Trouleada de Ponte Caldelas e ás 19:30 tomará o relevo o grupo de baile moderno do colexio Cordo Boullosa de Ponte Caldelas. A continuación actuará Aires del Norte y Olé.

Ás 21 horas na Igrexa do Sagrado Corazón de Ponte Caldelas terá lugar o Certame Coral 25 Aniversario da Coral Valdarrosa que contará como convidados ao Coro Lnec de Lisboa e á Coral Polifónica Acordes de Bueu. E a partir das 23 horas terá lugar a tradicional verbena a cargo das orquestras Gran Parada e Pontevedra.

O domingo 29 de maio, a partir das 8:30 horas da mañá terá lugar o Concurso de Pesca Feminino, Xuvenís e Infantís. De 12 a 14:30 horas terá lugar a apertura de stands de degustación na Alameda que contarán coa animación musical do pasarrúas da Banda de Música de Tenorio.

A inauguración do monumento conmemorativo do 50 aniversario da Festa da Troita, deseñado polo artista local Ortiz, terá lugar o domingo 29 de maio ás 12:30 horas nas inmediacións dos xardíns da Alameda, lugar escollido polo equipo de goberno para que teña maior lucimento e promoción da festa,  ao tempo que facilita a posibilidade de que a xente poida retrarse con comodidade e seguridade ante el.

Ás 13:15 horas terá lugar a entrega de trofeos do Campionato Internacional de Pesca nas súas diferentes categorías e ás 18:30 horas será o Festival Folclórico que contará nesta ocasión coa participación estelar do grupo A Roda, ademais da Banda de Gaitas e Baile Os Coribantes de Buchabade.