A hostalería de Pontevedra baixa o enreixado e saca a tarteira

Pontevedra
03 de novembro 2020

Máis dun centenar de bares e restaurantes do centro urbano pontevedrés participan nunha protesta masiva para mostrar o seu malestar diante dunhas restricións que están a arruinar o sector e para esixir axudas que lles permitan sobrevivir á crise da covid-19

Cacerolada dos hostaleiros de Pontevedra para reclamar axudas pola crise da covid-19 Mónica Patxot

Non era este martes unha xornada para tomar café e gozar do bo tempo nunha terraza de Pontevedra, era o día no que toda a hostalería da capital uniu as súas forzas para dicir basta. Cacerola en man, camareiros, autónomos e empresarios de todo o centro urbano interromperon os seus servizos para alzar a voz e dicirlle ao Goberno que as restricións pola Covid, con limitación de aforos, horarios e clientes están a matalos. "Estásenos recortando o dereito para traballar pero non os impostos nin os gastos", comparte o sector.

Minutos antes das 12.30 horas deste martes, traballadores de todos os locais, os que aínda sobreviven e os que xa pecharon, saíron á porta dos seus establecementos para aporrear cacerolas, paelleras, bandexas e ata as enormes potas empregadas para cocer o polbo. Desde a praza da Verdura, ata a de Celso García de la Riega, na rúa Real e tamén en Charino. Por todo o centro histórico pontevedrés retumbou o son metálico do malestar dun sector sinalado como o culpable da segunda onda da covid-19 e que está ao bordo do abismo.

"Nós non queremos contaxiar a ninguén, de feito somos os máis expostos e tamén temos medo, pero necesitamos traballar para pagar as nosas facturas e comer", responden ante algunhas críticas que os acusan de egoístas e de despreocupados pola grave situación sanitaria. Comparte o sector a necesidade de tomar todas as precaucións e mesmo comprenden a decisión de pechalos, pero o que esixen é algún tipo de compensación polo cesamento de actividade. 

"Estando pechados seguimos pagando auga, luz ou veladores. Tamén as seguridades sociais dos Ertes e a cota de autónomos", denuncian.

Co peche simbólico deste martes ao que se adheriron máis de un cento de locais, ademais doutros moitos máis que participaron na caerolada, a hostalería de Pontevedra espera que "asociacións e administracións busquen puntos en común para reivindicar que hai un sector que se está afundindo e que detrás del van ir moitos máis. Parece que os nosos dirixentes a todos os niveis non se están dando conta diso", protestan.

A mobilización está en marcha e non quedará só nun día, o sector xa traballa na organización dunha manifestación na que, do mesmo xeito que no seu traballo, cumprirán con todas as medidas de seguridade e prevención fronte á covid-19.