A Deputación de Pontevedra contará coa Mancomunidade do Salnés para promocionar o turismo despois de que este luns a presidenta provincial Carmela Silva recibise á titular da agrupación territorial Marta Giráldez e ao xerente Ramón Guinarte no Pazo Provincial.
Trátase da primeira reunión entre ambas as institucións desde a renovación da directiva da Mancomunidade durante 2019. Tras este encontro, Carmela Silva confirmou que a a entidade comarcal terá voz na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo da provincia, que se atopa en proceso de creación. Tamén formará parte de proxectos concretos que se están deseñando desde a institución provincial.
"Estamos a reactivar a provincia", manifestou Silva, que agradeceu esta nova etapa que se abre entre as dúas entidades para poñer en marcha novos proxectos turísticos.
Pola súa banda, Marta Giráldez tamén se mostrou partidaria da unión entre as diferentes administracións e sinalou que non entendía como non existía colaboración durante anos anteriores e lamentou que non se deixasen á marxe problemas que, en todo caso, eran xerados por unha das partes.
A Mancomunidade do Salnés conta con 109.000 habitantes de nove concellos: Ribadumia, Meaño, Meis, Vilanova, Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Vilagarcía e Sanxenxo. Os catro últimos están declarados Municipios de Interese Turístico de Galicia e son fundamentais para o sector nas Rías Baixas.