A mesa de contratación coñecerá este mércores as ofertas económicas para realizar as obras de Luis Rocafort

Sanxenxo
10 de xaneiro 2017

Foron rexeitadas dúas das 21 empresas presentadas por non cumprir coas condicións técnicas do prego

Sinatura do convenio para a reforma da avenida Luis Rocafort

A mesa de contratación da Deputación de Pontevedra coñecerá este mércores as ofertas económicas presentadas para realizar as obras de Luís Rocafort en Sanxenxo. O prezo de licitación dos traballos é de 1.650.759,28 euros, se ben agárdase que se produzan rebaixas, que se informarán por parte dos servizos técnicos do departamento de Mobilidade para eliminar as baixas ‘temerarias’ ou non xustificadas.

Coa apertura do sobre C (ofertas económicas), o procedemento de contratación das obras de mellora da avenida Luís Rocafort entra na súa fase final. Durante as últimas semanas o xefe dos servicios técnicos de Mobilidade avaliou a documentación técnica de cada unha das 21 empresas presentadas, descartando a dúas delas por non cumprir coas condicións establecidas no prego. 

Unha vez coñecidas pola mesa de contratación as puntuacións do sobre técnico e as propostas económicas, realizarase unha valoración conxunta e farase unha proposta de adxudicación á Xunta de Goberno da Deputación, que deberá ratificala. Logo, a empresa elixida deberá presentar as garantías do contrato para formalizar a licitación. Unha vez os trámites burocráticos estean listos, procederase ao replantexamento da obra e iniciarase a execución. Os prazos reais de inicio e realización da obra serán acordados, no seu momento, de xeito consensuado co Concello de Sanxenxo.

Entre as empresas que se presentaron para conseguir a contrata hai tanto firmas galegas de construción que optan á obra de xeito independente ou constituídas en UTE, así como outras compañías de maiores dimensións como Obrascón-Huarte- Laín (OHL), Dragados ou Elsamex.

As obras da avenida Luís Rocafort de Sanxenxo executaranse grazas ao convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo. A Deputación asumiu a mellora da rúa e a ampliación do ámbito de actuación, así como o financiamento do sobrecusto derivado, pasando de aportar 606.000 euros a achegar máis de 1,15 millóns de euros, o que supón o 70% da inversión total.

O departamento de Mobilidade dirixido por Uxío Benítez tomou a decisión de corrixir e aumentar o proxecto inicial de Luís Rocafort -contratado pola anterior corporación provincial- para paliar graves deficiencias que presentaba en materia de mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria, así como en saneamento.