A pegada de Diaz Pardo resiste á covid-19 e segue a marcar o camiño da festa da investigación en Tomeza

Pontevedra
21 de novembro 2020

A festa da investigación de Tomeza tería que chegar este ano 2020 á súa quinta edición, pero a pandemia da covid-19 imposibilita que se poida celebrar co formato habitual. Aínda así, a crise non impedirá que cumpra co seu obxectivo: doar fondos para a investigación do cancro e manter viva a pegada humana que deixou o intelectual Isaac Diaz Pardo 

Edición anterior da festa da investigación Loli Beloso

A festa da investigación de Tomeza tería que chegar este ano 2020 á súa quinta edición, pero a pandemia da covid-19 imposibilita que se poida celebrar co formato habitual, pois sería moi complicado poder facelo cumprindo as recomendacións sanitarias para evitar contaxios. Aínda así, nin a crise sanitaria impedirá que cumpra co seu obxectivo: doar fondos para a investigación do cancro ao tempo que mantén viva a pegada humana que deixou o intelectual Isaac Diaz Pardo

A pontevedresa Loli Beloso, impulsora da iniciativa, explicou esta semana a PontevedraViva que quere seguir con esta festa porque é unha homenaxe á "fonda pegada que deixaron en min Isaac e a súa muller, Carme Arias, a súa fonda humanidade e xenerosidade. Eles pensaban primeiro nos demais e logo en eles mesmos". 

"En todo o que fago, son os meus guías", asegurou Loli Beloso, que engade que polo camiño atopou un "digno herdeiro" da labor de Díaz Pardo e Carme Arias, o investigador Ángel Carracedo, que fai unha labor "moi necesaria" e destinatario final de todo o conseguido nesta festa da investigación. 

Así, como cada ano, aínda que nesta ocasión non se celebre festa física, o resultado será a doazón de todos os cartos recadados por Loli Beloso da venda dos seus libros e xoias solidarias ao proxecto de investigación de Carracedo contra o cancro. 

Este 2020 a covid-19 reduciu a cantidade de actos públicos organizados por Beloso e as opcións de recadar fondos e, pese a todo, doará 3.000 euros ás investigacións do Grupo de Medicina Xenómica que dirixe Ángel Carracedo na Universidade de Santiago de Compostela. Todos os fondos que ela recada van destinados a esta causa. 

Loli Beloso aproveita esta doazón e esta festa que non pode celebrarse fisicamente para lembrar a importancia de crear conciencia entre a cidadanía para doar fondos para investigación, que "coa que está caendo, viuse que é o que nos pode salvar". 

Para axudar a xerar conciencia, ela mantén outras actividades como, por exemplo, actos realizados en centros educativos. Un dos máis recentes e que lembra con máis cariño levounos a ela e a Carracedo ao colexio Toural de Vilaboa, ao que se mostra moi agradecida pola súa boa acollida e iniciativa. 

A pandemia non só frustrou a festa da investigación, tamén a súa intención de aproveitar a celebración para formalizar a constitución dunha nova asociación sen ánimo de lucro, A roseira de Loli, da que ela ía ser presidenta e Carracedo asumiría o papel de vicepresidente. Ademais, cando poida constituírse finalmente tamén teñen intención de que formen parte do seu padroado persoas que pertenceron ao círculo máis íntimo de Diaz Pardo, fieis colaboradoras como María Xosé Castro, María Diaz e Teresiña Reimóndez.

Ademais, no acto que tiñan pensado celebrar este sábado no Fogar de Loli Beloso en Tomeza estaba previsto presentar o novo libro desta pontevedresa, 'Laboratorio de Formas. Unha torta de aniversario para Mimina de Isaac'.