A plataforma da PO-234 retomou a súa actividade cunha xuntanza co alcalde de Ponte Caldelas á que seguirá outra co rexedor de Cerdedo-Cotobade e veñen de solicitar unha entrevista urxente coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, "diante dos incumprimentos da Xunta".
Os membros da plataforma expresaron o seu malestar coa consellería que anunciou que comezaría a licitación dos dous tramos da estrada que faltan por executar (ambos no termo municipal de Ponte Caldelas) ao longo do ano 2017, sen embargo, a día de hoxe non hai novas.
A plataforma quere evitar confrontacións políticas e destaca que o seu obxectivo é a seguridade viaria dos usuarios desta estrada construída en 1914 e que é a única vía de comunicación entre Augasantas e Valongo con Ponte Caldelas.
A consellería dividiu a obra (de só 6 quilómetros) en tres fases. Hai catro meses que rematou o tramo de Augasantas a Portasouto. A exposición pública do proxecto e da relación de bens e dereitos afectados do segundo tramo rematou hai máis dun ano sen ningunha alegación e, dende entón, non houbo avances.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, expresou todo o seu apoio á plataforma veciñal e reiterou a dispoñibilidade do goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) para cofinanciar as obras desta estrada autonómica.