A plataforma en defensa do centro de saúde de Seixo seguirá protestando ata lograr unha atención médica de calidade

Marín
21 de outubro 2021

O colectivo mostra o seu malestar pola contratación dun médico suplente durante só catro horas, un contrato que consideran insuficiente e que está a provocar o aumento do tempo de espera para lograr unha cita  

Manifestación en defensa do centro de saúde de Seixo Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo

Despois da cadea humana do pasado domingo, a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo; sigue protestando polo "maltrato" da Xunta que mantén un servizo de so catro horas de médico no centro de saúde.

A ausencia do único médico con praza fixa no centro de saúde fai que o servizo se deteriore posto que o seu substituto unicamente pasa consulta durante catro horas. Unha situación que, segundo o colectivo, dispara as lista de espera a 20 días.

Ademais, denuncian que o doutor suplente "tivo que prolongar o seu traballo máis alá das 4 horas marcadas por contrato para poder atender a veciñanza que estaba citada. Isto é intolerable. Maltratan o persoal e maltratan os pacientes, e a xerencia non quere enterarse que esta situación leva a que o persoal abandone e marche a lugares onde os tratan mellor e con mellores condicións de traballo", recolle o comunicado.

Dende a Plataforma sinalan que “a mobilización do domingo non vai ser a última. Queremos que cesen os recortes, que cubran o persoal que tiñamos antes do 15 de xullo e unha atención sanitaria digna no noso Centro de Saúde, do contrario voltaremos pronto á rúa”, esixen.