A praia fluvial do río Verdugo da Lama sumouse este martes de forma oficial á 'Rede Galega de Praias sen Fume' impulsada pola Consellería de Sanidade para concienciar ao público sobre a erradicación do tabaquismo en lugares de lecer.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, e os concelleiros David Carrera e Daniel Vidal colocaron este martes a bandeira e os distintivos a través dos cales o areal se declara libre de fume.
Ademais, con motivo do acto, aproveitou para anunciar que as analíticas da Consellería de Sanidade sobre o estado de salubridade e estado da auga para o baño da praia fluvial do río Verdugo deron como resultado que ten unha "calidade excelente".
Estas análises certifican a idoneidade e excelencia destas augas para a práctica do baño.
O alcalde confía que tanto a nova bandeira como as análises sexan un reclamo de turismo de calidade e salubridade e insiste no compromiso do Concello da Lama con campañas que impliquen a participación activa da sociedade para sensibilizar á poboación ante comportamentos de risco para a saúde e malos hábitos para a mocidade como o consumo de tabaco e con iniciativas que implican protexer espazos naturais da presenza indiscriminada de cabichas que afean e atentan contra o medio ambiente.
A Rede Galega de Praias sen Fume conta na actualidade con 141 praias de 64 concellos adheridas.