A provincia preséntase en FITUR como escenario para rodaxes cinematográficas

Pontevedra
19 de xaneiro 2023

A Deputación presentou en FITUR Screen o vídeo "Pontevedra Provincia, plató de cine" e lanzou a nova web da Pontevedra Provincia Film Commission 

"Pontevedra Provincia, plató de cine"

A Deputación de Pontevedra presentou en FITUR Screen o vídeo "Pontevedra Provincia, plató de cine" e lanzou a nova web da Pontevedra Provincia Film Commission

"Buscas un escenario para a túa próxima rodaxe? Descubre a provincia de Pontevedra. Un escenario diverso, cómodo, inédito, accesible, versátil, seguro e único". Con este lema e espectaculares imaxes da provincia, a presidenta da Deputación Carmela Silva presentou o "potente" audiovisual no que se detallan os múltiples atractivos dun espazo "digno de ser escenario de grandes producións audiovisuais". 

Fíxoo, xunto ao presidente da Spain Film Commission, Carlos Rosado, e acompañada de alcaldes e alcaldesas da provincia, representantes doutras Film Commission e produtoras do audiovisual galego. 

Outra das grandes novidades foi a presenza do produtor Daniel Froiz que xunto a Carmela Silva anunciou que "Matria", unha das películas patrocinadas pola Deputación, dirixida por Álvaro Gago, ten sido seleccionada xa para a Berlinale.

Na presentación, Carmela Silva presumiu de conexións, infraestruturas, instalacións e oferta hostaleira de Rías Baixas que "nos sitúan nunha forte posición para captar rodaxes". 

A presidenta, que recordou algunhas das series e películas que se rodaron na provincia como "Un asunto privado", "Los enviados", "La unidad", "Vivir sin permiso", "Fariña", "As Bestas", "Un hombre de acción", "Toro", "Ons", "Matria" ou "La sombra de la Ley", presumiu do "talento local e da arraigada cultura cinematográfica, nunha terra de grandes cineastas, actores, actrices, e estupendos equipos especialistas en todo o proceso, desde a rodaxe ata a posprodución e a difusión".

CONVENIO CON RENFE

Durante esta primeira xornada de arranque de FITUR 2023, a presidenta Carmela Silva asinou un convenio co presidente de Renfe, Isaías Táboas, para a promoción da provincia como destino turístico para viaxes de ocio e de negocios a través de accións de márketing e comercialización en trens AVE e Longa Distancia. 

A través do acordo, rubricado por segundo ano consecutivo co obxectivo de aproveitar as oportunidades dos trens de Alta Velocidade que están a chegar a Galicia, a imaxe do destino Pontevedra Provincia aparecerá en repousacabezas tematizados, en vídeos da programación dos trens AVE Longa Distancia, así como tamén en máquinas autovenda, na web de Renfe, nas súas redes sociais e en billetes pdf. 

A través do convenio, tanto Renfe como a Deputación traballarán na posta en marcha de ofertas comerciais centradas no impulso da asistencia a feiras e congresos e na promoción  da provincia como destino turístico MICE (Reunións, Incentivos, Convencións e Congresos e Eventos).

Deste xeito ofreceranse descontos de ata un 10% en todas as clases e trens de AVE e Longa Distancia que empreguen as persoas asistentes e expositores de congresos, convencións e eventos que se celebren ou organicen na provincia. 

Tamén estudarán, entre outras actuacións, a posibilidade de promover paquetes de tren e entradas co obxectivo de poder definir e concretar unha oferta comercial combinada.