A recuperación de Lameiriña e Caneliñas, en Raxó, estará rematada antes do verán

Poio
25 de xaneiro 2022

Operarios da empresa COVSA traballan desde este martes nas obras de recuperación da contorna dos lugares de Lameiriña e Caneliñas. Os traballos acometeranse ao longo dunha extensión que supera o medio quilómetro e inclúe tamén un dos ramais que enlaza Lameiriña coa estrada PO-308

Inicio das obras no lugar de Lameiriña, en Raxó Concello de Poio

Operarios da empresa COVSA traballan desde este martes nas obras de recuperación da contorna dos lugares de Lameiriña e Caneliñas, na parroquia de Raxó.

Os traballos acometeranse ao longo dunha extensión que supera o medio quilómetro e inclúe tamén un dos ramais que enlaza Lameiriña coa Avenida da Toxa, na estrada PO-308.

Apóstase pola completa renovación do firme, que pasará a ser de empedrado, o que garante unha maior duración no tempo e facilidades á hora de acometer, en caso de que sexan necesarias, reparacións puntuais, e un reforzo no respecto e adaptación á contorna.

A rúa terá unha plataforma única, en favor dunha maior seguridade viaria, e contará con todos os requisitos para facilitar a mobilidade.

O proxecto contempla a dotación de ata dez novas bocas de rego, para facilitar labores dos servizos de emerxencias en caso de necesidade, e a renovación de servizos básicos como abastecemento.

Para garantir a seguridade e un eficaz desenvolvemento dos labores dos operarios, será necesario cortar o tráfico ao longo da rúa mentres se desenvolvan estes traballos. Só se permitirá o acceso de vehículos a persoas residentes.

O goberno municipal confía en que a actuación estea rematada antes do vindeiro verán.

Este proxecto, subvencionado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, conta cun orzamento que ascende a máis de 365.000 euros, e serve para impulsar unha importante transformación deste núcleo.

A actuación foi modificada e ampliada con respecto á inicial, que non se levou a cabo seu día polo cese repentino de actividade por parte da anterior adxudicataria, Nexia Infraestructuras.